O proxecto nace ao abeiro do convenio asinado entre a Secretaría de Estado de Memoria Democrática e a Universidade de Santiago de Compostela para a elaboración dun Censo Estatal de Vítimas, en cumprimento do mandato da vixente Lei de Memoria Democrática.
CENOMI: NOMES, NOMS, NOMBRES, IZENAK incluirá a todas as persoas que foron vítimas mortais da violencia exercida a partir do Golpe de Estado de1936 e ata o final do ano 1939. O equipo principal que levará a cabo esta tarefa está instalado no CISPAC, Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Atlánticas Culturais, das tres universidades galegas (USC, UdC e UVigo).
Obxectivos
- Cumprir co indicado pola Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática, no relativo a «rexistrar as vítimas a que se refire o artigo 3.1 con datos recollidos de arquivos, de bases de datos documentais e obras de referencia especializadas, así como subministrados polas diferentes administracións públicas e polos organismos e entidades do sector público institucional, vítimas, organizacións memorialistas, grupos de investigación universitarios e calquera outra fonte, nacional ou internacional, que conte con información relevante para o mesmo».
- Elaborar un cartografado de entidades e grupos de traballo que teñan unha bagaxe previa nesta tarefa.
- Deseñar un plan preliminar que defina os pasos e as metodoloxías precisas para ampliar, nunha segunda fase, o abano temporal do censo ata 1942.
- Contribuír á creación, transmisión e crítica dos coñecementos científicos, técnicos e humanísticos, para unha educación baseada en principios democráticos, a defensa da paz e os dereitos humanos.
- Traballar na investigación histórica, no estudo do pasado contemporáneo e na divulgación da memoria democrática.
Metodoloxía
O proxecto constrúese sobre a metodoloxía de investigación histórica: crítica e análise de fontes, valoración cualitativa e cuantitativa da información e heurística. Tecnicamente, emprega a plataforma «Dédalo», un sistema informático de xestión e difusión da información do patrimonio cultural cunha acreditada traxectoria de máis de vinte anos de experiencia que o avala. Neste soporte traballa directamente o equipo de CENOMI para rexistrar a información derivada da busca de vítimas mortais no período que vai de xullo de 1936 a decembro de 1939. Como resultado da indagación, xeramos unha relación nominal de vítimas que inclúe, ademais —cando é posible—, múltiples datos biográficos das persoas identificadas: idade; profesión; lugar de nacemento, veciñanza, defunción...; ou tipo de suceso violento polo que foron vítimas.
Este proxecto parte e benefíciase de moita información xa avanzada, grazas ao esforzo de diferentes colectivos, entidades e institucións que levan anos investigando no eido da historia e da memoria democrática. Na lóxica da co-creación resulta imprescindible tecer redes de traballo compartidas para podermos xuntos recoller a trazabilidade da información e lograr incorporala nun banco de datos homoxéneo e contrastado. Nos territorios onde non existen datos elaborados, o equipo de CENOMI desenvolverá un plan para a recollida, tratamento e indexación da información, seguindo estándares de rigorosidade, verificación, trazabilidade e transparencia da información.