Ir ao contido principal

"A represión franquista na comarca da Coruña. Vidas na memoria"

O traballo de Nomes e Voces

O Proxecto Interuniversitario 'Nomes e Voces' encarou unha proposta de investigación cun método científico sobre as vítimas da guerra en Galicia; en definitiva, unha aproximación á verdade histórica dende o rigor das ciencias sociais. Comezamos por formular unha serie de preguntas para as cales non tiñamos unha resposta completa para o territorio galego: quen e cantas foran as vítimas da violencia da guerra en Galicia e como e onde acontecera esa violencia a nivel de todo o territorio galego. Para responder a estas preguntas, avaliamos as fontes documentais ao noso alcance, e tamén o impacto que na nosa investigación podería ter a non dispoñibilidade doutras; seleccionamos aquelas sobre as que iamos traballar e deseñamos as técnicas e a metodoloxía co que iamos traballar con elas. Un dos aspectos nos que máis traballamos, foi en poñer este método e os seus resultados ao servizo da cidadanía, onde tamén se pode ver como artellamos o baleirado de fontes, a afrontamos a súa crítica e o contraste entre elas. 

Tras unha necesaria definición do concepto de vítima coa que traballar, abordouse o baleirado de datos persoais de vítimas das fontes que consideramos fundamentais: causas militares da xurisdición de terra e mariña, rexistros civís, fontes bibliográficas e fontes orais. Toda esta información conflúe nunha complexa base de datos, nas que se cruzan as distintas informacións nun proceso de contraste, valoración e validación, posibilitando coñecer (a través das distintas fontes e de datos de resumen) informacións que ata o seu momento foran inéditas das características, persoais e colectivas, das vítimas; así como afondar na investigación e na análise, tanto de datos puntuais como estatísticos, tanto a nivel local como a escala de Galicia.

A fonte oral (as entrevistas ás testemuñas) xunto coas fontes escritas permiten unha relectura crítica da Historia. Así, os fríos datos dun rexistro civil de defuncións cobran un novo valor, cando os eufemismos como "derrame cerebral" ou "paro cardíaco" como causa da morte adquiren un novo significado outorgado polos testemuños que afirman que na realidade foron "paseos". As testemuñas reconstrúen tamén, dende un novo punto de vista, a exhaustiva documentación das causas militares, revestidas dunha elaborada máscara de legalidade, pese a estar viciados na súa propia orixe. Na realidade levamos décadas cuestionando os datos oficiais de rexistros civís e causas militares, simplemente porque sabíamos que foran falseados no seu carácter e intención. E sabiámolo porque nolo tiñan contado.

Trátase pois dunha investigación básica, sobre a que se poden cimentar futuros estudos e análises.

A "represión franquista" na comarca da Coruña

Abre a obra un limiar a cargo de Dionisio Pereira, Eliseo Fernández e Emilio Grandío, que contén unha pormenorizada análise dos datos da "represión" en dez concellos da bisbarra coruñesa: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada. Nela abordan a estrutura social e laboral, a militancia, a distribución xeográfica e outras características relevantes para entender o como e o por que da "represión":

  • Esténdese a toda a súa estrutura social, dende propietarios até sindicalistas, pasando por militares, industriais ou profesores.
  • Case o 50% das vítimas pertencen ao sector secundario, un 20% do sector servizos, un 8% o sector agrario e outro tanto o pesqueiro (a pesar de constituír un grupo de poboación menor) e un 10% de asasinados proceden do mundo militar.
  • Temos a filiación dun 60% da mostra e nela destaca o anarquismo e o sindicalismo libertario ou anarcosindicalista; a continuación, o marxismo representa ao redor do 20% e os grupos republicanos burgueses un 15%. 
  • Unha conclusión importante: “Os datos de procedencia social e económica, xunto aos de filiación política, proban que a represión nesta comarca tivo unha extensión maior que a redución a un conflicto de clases stricto sensu, malia que sen esta confrontación clasista tampouco sexa posible entendela.”
  • Dos lugares de morte, debemos diferenciar onte tiveron lugar os fusilamentos consecuencia de sentencias a pena de morte dos "paseos". No primeiro caso, están condicionados pola sede dos tribunais militares, o concello da Coruña, sede do Tribunal Militar IV, sitúase á cabeza dos lugares onde se cometeron os crimes (nun total de 150 casos), predominando o recinto militar de Punta Herminia – Polvorín de Adormideiras (64), sobre Campo da Rata (37). Mais temos 49 persoas fusiladas na Coruña das que descoñecemos o lugar onde morreron. Hai un número importante de fusilados en distintos lugares do concello de Ferrol (14), debido a que alí estivo radicado o Tribunal da Mariña, mais tamén aparecen noutros municipios con presenza de tribunais militares como Santiago, Poio, Lugo ou Tui.” No segundo caso, o concello herculino segue a ser o lugar mayoritariamente elixido para esta práctica (en 90 ocasións). No referente aos municipios da bisbarra, enxergamos unha mesta xeografía da represión  mortal.”. Por último, tamén se achegan datos de mortes nas distintas prisións e campos de concentración, por confrontacións armadas nos primeiros días do golpe militar ou por operacións de castigo e limpeza realizadas nestes anos. 

Os rostros da memoria

Estas fotografías ancoradas naquel tempo, fai máis de sete décadas, aínda non son suficientes para apreciar todo o que hai detrás. Porque estamos seguros de que cada unha das vidas que foron segadas pola barbarie, podería encher o seu propio libro independente. Mais, tamén, porque cada historia individual contribúe a que poidamos recuperar a historia colectiva daquel tempo: todo o que significaron aqueles anos trinta que marcaron de xeito indubidable o devir da sociedade de dez concellos da comarca coruñesa: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Oleiros e Sada. E tamén da sociedade galega, da española e da mundial.

O repertorio biográfico

Case 600 entradas compoñen o repertorio biográfico desta obra. Tomando como base os datos recollidos polo Proxecto Interuniversitario 'Nomes e Voces' completados con abundantes datos recollidos da bibliografía. Velaquí algúns dos datos como exemplo.

14. Amor Sánchez, Cipriano. "Sagastiña"

Naceu en Betanzos. Varredor de 29 anos. Veciño da Coruña.Casado e con tres fillas . Desaparecido despois de acudir a unha citación ao cuartel da Garda Civil. Fontes orais da familia apuntan á posibilidade de que estea enterrado na fosa común de Vilarraso, en Aranga. 

Grandío Seoane, Emilio; Fernández Fernández, Eliseo: A fosa do cemiterio de Vilarraso (Aranga). A Coruña: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica d'A Coruña, 2011. Pax 44

59. Boedo Núñez, José Antonio

Naceu en Oleiros. Albanel de 25 anos. Veciño do barrio de San Xosé (A Coruña). Casado, fillo de José Boedo López. Directivo do Sindicato Único del Ramo de la Construcción da CNT e da súa Sección de Albañiles. Participou na tentativa de fuga do Portillo en marzo de 1937, sendo detido polos falanxistas pouco despois. Xulgado na Coruña co resultado de condena a pena de morte. Fusilado na Coruña ás 6.30 horas do 11 de setembro de 1937. Enterrado no cemiterio da Coruña.

Lamela, Luis. A Coruña, 1936. Memoria convulsa de una represión. Sada: Ediciós do Castro, 2002. Páx.142. Fernández, Eliseo; Pereira, Dionísio: "A represión contra o Movemento Libertario na Galicia durante a Guerra Civil e a posguerra" en A represión franquista en Galicia: Actas do Congreso da Memoria, decembro de 2003. Narón: Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, 2005. Páx. 420. Fernández, Eliseo (ed.): A fuxida do Portiño: historia, memoria e vítimas. Vigo: A Nosa Terra, 2009. Páxs. 191 e 192.

61. Borrazás Bello, José

Naceu en Arteixo. Labrego de 33 anos. Veciño de Monteagudo (Arteixo). Directivo do Sindicato de Agricultores y Oficios Varios de Monteagudo-Arteixo, da CNT. Xulgado en Consello de Guerra na Coruña o 28 de setembro de 1936 e condenado a cadea perpetua por rebelión militar. Ingresa no cárcere de San Cristóbal (Pamplona) en decembro de 1936, morrendo alí por enfermidade o 29 de decembro de 1939. Enterrado en Artica, Navarra.

Alforja, lñaki; Sierra, Félix. Fuerte de San Cristóbal, 1938: la gran fuga de las cárceles franquistas: testimonios y documentos. Pamplona: Pamiela, 2005.Fernández, Eliseo; Pereira, Dionísio. "A represión contra o Movemento Libertario na Galicia durante a Guerra Civil e a posguerra" en A represión franquista en Galicia:Actas do Congreso da Memoria, decembro de 2003. Narón: Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, 2005. Páx. 422.

63. Brandariz Ramos, José

Naceu en Carral en 1888. Canteiro. Veciño da Coruña, casado. Delegado do Sindicato de Canteros na Federación Local Obrera da CNT. Socio de Germinal. Integrou unha rede clandestina articulada por diversos militantes confederais coruñeses tras o golpe militar. Xulgado na Coruña por rebelión militar, foi condenado a pena de morte e fusilado en Punta Herminia (A Coruña) ás 6 horas do 9 de marzo de 1938. Enterrado no cemiterio da Coruña.

Lamela, Luis. A Coruña, 1936. Memoria convulsa de una represión. Sada: Ediciós do Castro, 2002. Páx. 144. Pereira, Dionísio; Fernández, Eliseo: "O Movemento libertario en Galiza: (1936-1976)", Vigo: A Nosa Terra, 2006. Páxs. 36, 39, 40, 249 e 268. Grandío Seoane, Emilio: Vixiancia e represión na Galicia da Guerra Civil: O "Informe Brandariz" (A Coruña, 1937). Sada: Ediciós do Castro, 2001.

100. Casas Rey, Víctor

Naceu na Coruña. Xornalista de 36 anos. Veciño de Pontevedra. Integrante das Irmandades da Fala. Antigo dependente de comercio da fábrica de calzados Senra, na Coruña. Exerceu a partir de 1922 como director do periódico A Nosa Terra. Con posterioridade, e residindo en Pontevedra, figurou entre os fundadores do Partido Galeguista no ano 1931. Unha vez detido tras o golpe militar, estivo preso en Pontevedra e no Lazareto de San Simón. Xulgado en Pontevedra por traizón e condenado a pena de morte, foi executado na Caeira (Poio) o 12 de novembro de 1936. A causa da súa morte segundo o Rexistro Civil foi: hemorraxia interna. Enterrado no cemiterio de Pontevedra.

Amoedo López, Gonzalo; Gil Moure, Roberto. Episodios de terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra: a Illa de San Simón. Vigo: Xerais, 2007. Páxs. 251 e 323.

331. Moledo Rodríguez, José Manuel

Naceu en Vilaboa (Culleredo) en 1905. Auxilar nunha farmacia da rúa San Andrés. Veciño de Carral, casado con Josefina Trapote Paz, mestra de Corcubión. Socio do Casino Republicano. Tesoureiro da Asociación Provincial de Auxiliares de Farmacia da Coruña. Representante do Socorro Rojo Internacional nun acto celebrado en abril de 1934. Foi paseado en Veira-Herves (Carral) o 16 de agosto de 1936.

Pereira Martínez, Carlos. "A Re presión en Culleredo, unha aproximación inicial" en A represión franquista en Galicia: Actas do Congreso da Memoria, decembro de 2003. Narón: Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, 2005. Páx. 472.

339. Monzo Ríos, José

Naceu en Sada. Mariñeiro de 32 anos. Retornado dos EEUU a comezos dos anos 30. Foi fundador e máis tarde presidente do Sindicato de Oficios Varios de Sada, CNT. Organizador nesta localidade dos grupos Luz e Nueva Vida , integrados na FAI. Moi activo nos días do golpe militar, participando no mitin da Federación Local Obrera do 18 de xullo de 1936 na praza de touros da Coruña e tamén na resistencia en Sada. Agachado dous anos en Miño e nos illós de Cabrón e Carboeira, fronte a Perbes e Pontedeume. O seu cadáver apareceu na estrada Fontán-Sada, na finca de Soñeiro (Sada) o 19 de xuño de 1938. Inicialmente foi rexistrado como descoñecido. Pode que se suicidase véndose acosado. A causa da súa morte segundo o Rexistro Civil foi: hemorraxia interna cerebral por disparo de arma de fogo. Enterrado no cemiterio de Sada.

Pereira, Dionísio; Fernández, Eliseo. "O Movemento libertario en Galiza: (1936-1976)". Vigo: A Nosa terra, 2006. Páxs. 13, 73, 253, 254.

380. Pardo Argüeso, Andrés Antonio

Naceu en Bergondo o 14 de outubro de 1918. Serrador. Veciño da Coruña.Militante do Sindicato de Bergondo, foi acusado de patrullar pola zona nos días do levantamento militar. Xulgado na Coruña por auxilio á rebelión co resultado de condena a 12 anos de prisión, por ser menor de idade no momento dos feitos. Cumpre condena no Penal de San Cristóbal (Pamplona) a partir de maio de 1937. Morreu na cadea o 22 de maio de 1938 tras a fuga masiva acontecida nesa prisión.

Alforja, Iñaki; Sierra, Félix. Fuerte de San Cristóbal, 1938: la gran fuga de las cárceles franquistas: testimonios y documentos. Pamplona: Pamiela, 2005.

562. Vidal Pardo, Manuel

Natural e veciño de Abegondo de 50 anos. Afiliado á Sociedade agraria Armonía Campesina de Mabegondo. Xulgado na Coruña por rebelión e condenado a pena de morte, foi executado na Coruña o 22 de febreiro de 1937. Enterrado no cemiterio da Coruña.

Lamela, Luis. A Coruña, 1936. Memoria convulsa de una represión. Sada: Ediciós do Castro, 2002. Páx. 140.

Tirando dos fíos

Estas son algunhas ligazóns de interese relacionadas coa publicación "A represión franquista na comarca da Coruña. Vidas na memoria" do Proxecto Interuniversitario 'Nomes e Voces'