Ir ao contido principal

HISTAGRA pon en marcha o Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia 2025

Os traballos da campaña 2025 comezarán o luns 27 de outubro en Asados (Rianxo), e o 10 de novembro en Luou (Teo)

En agosto de 2025 asinouse entre a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Universidade de Santiago de Compostela, o convenio de colaboración para poñer en marcha a anualidade 2025 do Plan Cuatrienal de Memoria Democrática, seguindo o impulso da Secretaría de Estado de Memoria Democrática

O equipo formado por historiadores, antropólogos forenses, arqueólogos e xenetistas segue a pescudar sobre o pasado de violencia en Galicia, xa coa experiencia de 2021-2024, mediante o estudo e a exhumación de novas fosas de 1936-1945 en Luou (Teo), Asados (Rianxo) e Ferrol (Catabois). Ademais de comezar coa investigación histórica da fosa de Riberias de Sor (Mañón). Así mesmo, procederemos coas labores de recoñecemento nos espazos de defunción das campañas pasadas.

Ademais, temos actualizado o mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de asasinados/as pola violencia franquista. Podes consultar a relación de fosas aquí.

 

Os traballos da campaña 2025 comezarán o luns 27 de outubro en Asados (Rianxo), e o 10 de novembro en Luou (Teo)

En 2021-2024 realizáronse os traballos de investigación e exhumación das fosas de Vilagarcía de Arousa e Crecente (2021), Celanova, Lousame e A Capela (2022), Narón Fase I, Oza-Cesuras e Viana do Bolo (2023), Cabreira (Salvaterra de Miño) e O Val Fase II (Narón) (2024). 

  O Plan cuadrienal integra tres liñas estratéxicas fundamentais das políticas públicas de Memoria Democrática que se pretenden desenvolver ao longo do período (2025-2028), aínda que os seus obxectivos sexan revisables de forma anual. Estas liñas estratéxicas son:

  • Localización, exhumación das fosas e identificación de vítimas.
  • Divulgación de traballos efectuados e resultados conseguidos.
  • Recoñecemento dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria

Por parte da USC, a través do Grupo Histagra, o Catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e o Doutor en Historia e profesor Antonio Miguez Macho, coordinan un equipo de investigación formado por arqueólogos dirixidos polo profesor da USC Jose Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense do IMELGA Fernando Serrulla Rech e o equipo de xenética do Instituto de Ciencias Forenses 'Luis Concheiro' dirixido por María Victoria Lareu. 

As tarefas a realizar en 2025 serán as seguintes:

1. Localización, exhumación, identificación de vítimas:

  • Fosa de Luou (Teo)
  • Fosa de Asados (Rianxo)
  • Fosa de Narón/Catabois
  • Fosa de Ribeiras de Sor Fase I (Mañón)

2. Dignificación dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria. Filgueira (Crecente) e outros

3. Divulgación de traballos efectuados e resultados obtidos.

De novo, a axuda e a presenza da sociedade civil de Galicia, a través das asociacións de memoria democrática, investigadores locais e familiares de asasinados/as, convértese nun piar fundamental da investigación, de igual xeito que foi para a boa marcha de nomesevoces.net.

 

O contacto cos axentes sociais, é imprescindible, e facemos un chamamento a todos/as aqueles/as que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como aportar datos relativas ás mesmas.

 

Máis información: 

https://www.nomesevoces.net/gl/lugares/proxectos/1/fosas-e-lugares-de-violencia

Contacto:

histagra@usc.es

881812734 / 881971010 Ext. 101