Presentación

O Proxecto de Investigación "Nomes e Voces" naceu ao abeiro dos traballos que  se realizaron ao redor do Ano da Memoria 2006, promovido pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. O proxecto ten a intención de estudar a represión franquista durante a Guerra Civil e a ditadura, e ofrecer á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía ou da súa posición favorable á democracia republicana. Esta tarefa abórdase desde a perspectiva da investigación histórica, como parte dun crecente interese dos especialistas polo tema da Guerra Civil e da conseguinte represión.

O traballo a desenvolver vira ao redor da pescuda dos nomes, das voces e dos lugares da represión. Nesta liña, e desde o rigor da disciplina histórica, preténdese cubrir os baleiros existentes sobre o período de estudo. En primeiro lugar, poñer ao servizo da sociedade galega os nomes das vítimas do franquismo, a través dunha base de datos específica que recolla os principais datos de cada persoa. Ao tempo, recoller as voces dos que pasaron polo cárcere, o exilio ou estiveron agochados, así como as lembranzas dos seus familiares máis achegados. E por último, botar luz sobre os lugares da represión, as "cunetas", os cemiterios, as corredoiras ou os montes, onde os represaliados e represaliadas foron asasinados ou foron vexados.

Para o desenvolvemento deste labor púxose en funcionamento un grupo de investigación onde están presentes os máximos especialistas na temática da represión en Galicia, dirixidos polo catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto. Dende este proxecto facemos un chamamento á colaboración da sociedade, tanto de particulares que poidan aportar testemuños e vivencias daqueles feitos, coma das asociacións e entidades preocupadas pola recuperación da memoria histórica.

 
A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez