Ir ao contido principal

Fosa do cemiterio de Santa María de Asados Fosa en cemiterio

As investigacións realizadas sitúan no cemiterio da igrexa de Santa María de Asados como o lugar de enterramento ou enterramentos irregulares de dúas vítimas da violencia golpista asasinadas con case un mes de diferenza: Manuel Piñeiro Abeijón, paseado o 14 de agosto de 1936, e Francisco López Pérez, o 12 de setembro do mesmo ano.

See on the map

Investigación histórica

As investigacións realizadas sitúan neste cemiterio o espazo de enterramento irregular de dúas vítimas da violencia golpista asasinadas con case un mes de diferenza: Manuel Piñeiro Abeijón, paseado o 14 de agosto de 1936, e Francisco López Pérez, o 12 de setembro do mesmo ano. Segundo o estudo realizado, o lugar máis probable de inhumación apuntaba ao sector comprendido entre o muro perimetral do cemiterio, os panteóns de 1936 e unha oliveira que funciona como referencia persistente na memoria local. Porén, tras a intervención arqueolóxica descártase dita área como espazo de inhumación das vítimas, reducindo así a incerteza espacial para futuros estudos e actuacións. 

Investigación arqueolóxica

A área intervida presentaba unhas dimensións iniciais de aproximadamente 4 x 4 metros, situada ao leste da oliveira. Posteriormente, levouse a cabo unha ampliación cara ao oeste de 3,70 metros, co obxectivo de esgotar o espazo arredor da citada árbore.  A superficie total intervida acadou os 20 m², situados en torno á oliveira, mantendo unha separación respecto do muro que pecha o adro polo norte de 70 cm no sector leste e de 1,30 m no sector oeste.

Unha vez retirados os niveis superficiais, foron localizadas no sector leste catro fosas con orientación NW-SE. As súas características construtivas, xunto coa presenza puntual de fragmentos cerámicos de cronoloxía antiga —posiblemente medieval— permitiron interpretalas como enterramentos históricos.

Análise forense

Durante a intervención arqueolóxica non se atoparon restos óseos humanos. Con todo, nunha das capas superficiais apareceu un fragmento de costela que parecía non pertencer a un humano. A análise antropolóxica confirmou que corresponde á parte posterior dunha costela de sección cadrangular, cunha lonxitude máxima de 94 mm e un diámetro anteroposterior de 13 mm, e que non é compatible coa morfoloxía humana.

Pola súa banda, a análise dos solos indica que non parece probable que as fosas 01 e 02 contivesen restos óseos recoñecibles nos últimos 2–4 séculos.

Tech info

Location

Localidade
Asados, Rianxo
Concello
Rianxo
Provincia
A Coruña

Features

Nº persoas enterradas
2
Tipoloxía do asasinato
Paseos
Cronoloxía
1936

Status

Intervención
Si, pero non exhumada. No lugar intervido no 2025 non se atopaban os restos das vítimas.
Propiedade do terreo
Eclesiástica
Memorialización e sinalización
Si. A Asociación Cultural Simón Varela e o Concello de Rianxo inauguraron no 2006 unha placa nas inmediacións do cemiterio. Posteriormente, o 23 de abril de 2022 a Comisión pola Recuperación Da Memoria Histórica do Barbanza e o Concello de Rianxo, homenaxearon ás vitimas e colocaron un monólito no Alto da Paradegua, en Burés, lugar onde foron asasinados.

Sources

Archive

Información consultada na Base de Datos de Nomes e Voces:

Bibliography

Grandío Seoane, E. (2007). “Anos de odio: golpe, represión e Guerra Civil na provincia da Coruña (1936-1939)”.  A Coruña: Deputación Provincial da Coruña. 

“Santos Suárez, X. e Comoxo, X. (2010). “Rianxo na súa historia: consecuencias da Guerra Civil 1936-1939”. Deputación da Coruña. 

Villaverde García. E. (1995).  “Heroes e mártires. A Segunda República e a guerra civil no Barbanza”. Santiago de Compostela, Tórculo.  

Xerargo Agrafoxo. (1997). "Memoria do 36. A represión en Noia e Lousame", en  A Nosa Terra, nº 799, 8-10-1997