Fosa do cemiterio de Santa María de Luou Fosa en cemiterio
No ano 2025 levouse a cabo a intervención na fosa situada no cemiterio da igrexa de Santa María de Luou, no concello de Teo (A Coruña), onde se localizaron os restos de catro persoas vinculadas á resistencia antifranquista, asasinadas no mes de maio de 1948. Trátase de Manuel Agrasar Cajaraville, Ricardo Fernández Carlés, Vicente López Novo e Florentino Palacios Menéndez.
A actuación desenvolveuse tras a solicitude formal presentada á equipa coordinadora do Plan de Memoria Democrática pola Asociación Oliveira de Teo, pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza e, de maneira destacada, por familiares de Manuel Agrasar e Ricardo Fernández.
Investigación histórica
As investigacións realizadas sitúan neste cemiterio o lugar de enterramento irregular de catro persoas vinculadas á resistencia armada antifranquista, asasinadas o 19 de maio de 1948 na aldea de Loureiro (Teo) nunha emboscada da Garda Civil. Segundo a investigación histórica, as vítimas serían Manuel Agrasar Cajaraville (Padrón), Ricardo Fernández Carlés (Pontecesures), Vicente López Novo (Ribeira) e Florentino Palacios Menéndez (Sama de Langreo, Asturias).
Os catro pertencerían á V Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, xunto con Benigno Andrade e José Ramuiñán Barreiro, sendo estes dous últimos quen, supostamente, lograron escapar con vida da emboscada.
De acordo coa investigación histórica, os cadáveres foron trasladados desde a aldea de Loureiro ata o cemiterio de Luou, a uns 2,6 km, seguindo o Camiño Vello que comunicaba dita aldea con Trasellas e a igrexa. As catro vítimas serían enterradas no adro. En concreto, a partir do estudo realizado, a hipótese principal sobre a localización da fosa situábaa no cuadrante delimitado entre o patín da Casa de Fábrica e o osario.
Este espazo foi intervido no marco do Plan de Memoria Democrática do ano 2025 con resultado positivo no que atinxe á localización e exhumación de catro individuos. Aínda que a investigación histórica e arqueolóxica indica que se trataría das persoas procuradas, na actualidade estanse a desenvolver as análises antropolóxicas forenses e xenéticas.
Investigación arqueolóxica
Entre os días 10 e 21 de novembro de 2025 realizouse a intervención arqueolóxica no espazo indicado no informe histórico previo. Localizouse a fosa, de planta cuadrangular (2,10 × 2,20 m), no sector noroeste da sondaxe. Tras a retirada dos depósitos que a colmataban, foron identificados catro individuos.
A disposición dos individuos documentados —orientación compartida, posición en decúbito supino, aliñamento continuo e extrema proximidade, así como a ausencia de delimitacións internas estruturais— revela un enterramento colectivo realizado nun único episodio ou nun intervalo temporal moi curto, afastado das pautas propias dun ritual funerario individualizado.
As posicións anómalas dos membros, especialmente dos brazos, indican que os corpos non foron dispostos de maneira coidadosa, o que reforza a interpretación dun procedemento de inhumación rápido.
Tech info
Location
- Localidade
- Luou
- Concello
- Teo
- Provincia
- A Coruña
Features
- Nº persoas enterradas
- 4
Manuel Agrasar Cajaraville
Florentino Palacios Menéndez
Vicente López Novo
Ricardo Fernández Carles - Tipoloxía do asasinato
- Resistencia antifranquista
- Cronoloxía
- 1948
Status
- Intervención
- Si, exhumada 2025
- Propiedade do terreo
- Eclesiástica
Sources
Bibliography
- "Andrade García, Benigno, El Foucellas", Anuaire alphabetique.
- "López Novo, Vicente, ""Rufino"; "El hijo de la nova"", Anuaire alphabetique.
- Luis Lamela García, "Foucellas". El riguroso relato de una lucha antifranquista (1936-1952), Sada: ediciós do Castro, 1992.
Newspaper archives
- Cilia Torna, "A batalla de Luou. No 70 aniversario da morte en combate de Tinio, Rufino, Barbarroxa e Carles", Nós Diario, 18-5-2018.
- "Cuatro bandoleros muertos por la Guardia Civil", La Voz de Galicia, 21-5-1948
- "Esta mañana comenzó el Consejo de guerra sumarísimo contra "El Foucellas"", La Noche, 26-7-1952.
Relates news
-
A fosa de Luou: da emboscada de 1948 á exhumación setenta e sete anos despois
O Imelga e o Incifor analizarán agora os restos dos catro corpos atopados dentro das actuacións do Plan de Memoria Democrática dirixidos por Histagra da USC para confirmar se pertencen a membros da resistencia antifascista galega