O proxecto Nomes e Voces ten como principais liñas argumentais o estudo da violencia, o debate sobre o xenocidio e o interese polo pasado e a reflexión sobre o esquecemento. Intégrase para isto, o acontecido en Galicia durante o Golpe de Estado de xullo de 1936 e a inmediata guerra, nun contexto internacional. Especialmente nos casos nos que se comparte un mesmo marco cronolóxico e histórico, pero cunha perspectiva na que se abarquen outros procesos máis distantes no tempo e na historia.
Dende esta perspectiva, o proxecto ofrece á comunidade educativa os produtos da investigación, de xeito que poda converterse nun útil de traballo na aula e unha nova vía de coñecemento. A propia Web e, especialmente, a base de nomes con todas as súas posibilidades é en si mesmo un instrumento cunha importante vocación didáctica, mediante a cal se poden levar a cabo diversas propostas de traballo: o coñecemento da represión no concello onde se encontra o centro de ensino; o coñecemento máis pormenorizado dunha vítima en particular; recoñecer os apelidos das vítimas e poñelos en relación coa comunidade do presente; a represión en función do xénero, idade ou grupos socio-profesionais...
Pero ao mesmo tempo, ca fin de aportar algúns elementos didácticos de primeira man, que sirvan de apoio inmediato na aula, presentamos unha serie de materiais englobados nos apartados Materiais e Materiais elaborados
Materiais: proporciónase unha escolma o máis diversa posible de produtos derivados da investigación para ser utilizados de xeito independente na aula como apoio a unha explicación determinada: fragmentos de voz, fotos, documentos, mapas, gráficos...
Materiais elaborados: achéganse aquí un conxunto de materiais elaborados e estruturados dun xeito temático. Tres son as propostas que ofrecemos de inicio, aínda que se trata dun apartado aberto no que se podan ir incluíndo outras novas. Estas son: A represión en Galicia; A dimensión socio-profesional da represión; A memoria hoxe.
O proxecto solicita á comunidade educativa que se anime a elaborar diversas propostas didácticas. Así, profesores, ou alumnos dirixidos polo seu profesor, poderían realizar unha serie de unidades didácticas. Ben utilizando exclusivamente a información xerada polo proxecto, ben incrementando esta con novas pescudas.
O proxecto comprométese a divulgar cada un destas propostas didácticas en formato pdf, asinadas polos seus autores (profesores, alumnos ou ambos), nun apartado propio creado para tal fin. Ao mesmo tempo, a presentación de cada proposta irá acompañada dun apartado no que os autores podan explicar os pormenores do traballo levado a cabo, así como unha ligazón co blog da web do proxecto para facilitar unha posible comunicación entre os autores e os potenciais usuarios da súa proposta.
Existe a posibilidade de que algunhas destas propostas didácticas, atendendo a diversos criterios: calidade, orixinalidade... podan ser divulgadas na web do proxecto, ademais de no citado formato pdf, como unha proposta didáctica interactiva con novos recursos de utilización.