Xuntanzas de Lourenzo Fernández Prieto e outros membros de nomesevoces.net con Pablo de Greiff

Xuntanzas de Lourenzo Fernández Prieto e outros membros de nomesevoces.net con Pablo de Greiff

A secretaria do Relator, Victoria Kuhn púxose en contacto con Lourenzo Fernández Prieto para solicitar a colaboración de nomesevoces.net para prepara a visita a Galicia para a xuntanza coas asociacións de memoria histórica e vítimas do franquismo o día 29 de xaneiro, así como una visita á Illa de San Simón o día 30, neste último caso, tivemos que facer de intermediarios coa Xunta e a Consellaría para que lles organizasen a visita (traslados, guías,…).

Tras manter varias conversas e intercambio de correos, decidiron coa Iniciativa Galega pola Memoria ter en primeiro lugar una xuntanza bilateral coas asociacións de Coruña, Vigo, Cangas, Val Miñor, Ferrol, Marín, A Estrada e Ribeira, á que se lle une Manolo Rivas e Claudio Rodríguez Fer.
Nunha segunda xuntanza estarán vítimas, as anteriores asociacións e outras como a de Silleda e representantes políticos como Ana Pontón, Xesús Redondo Abuín, Manolo Dios e outras asociacións.

O martes día 28, ás 21 h. por fin tiveron confirmación da viaxe a San Simón, e tamén por indicación da CRMH d’A Coruña que iría con eles Matías da Torre (Silleda), que lles faría unha guía pola illa, así como representantes de asociacións adscritas á Iniciativa.

O día 30 de xaneiro, Pablo de Greiff e Victoria Kuhn son recibidos na Facultade de Historia por Lourenzo Fernández, Xurxo Pantaleón, Antonio Miguez e Gustavo Hervella. Mantense unha xuntanza de máis de catro horas con eles, onde se lles expuxeron as liñas de investigación do equipo, o traballo realizado coas entrevistas e as fontes escritas consultadas polos investigadores e se intercambiaron puntos de vista sobre as tarefas que se desenvolveron en nomesevoces.net como o que incorporaría o Relatar ao seu informe, como ser un exemplo de boas practicas, o que constitúe un feito moi destacado. Tivemos un interesantísimo intercambio de opinións e amosáronse gratamente sorprendidos pola experiencia de nomesevoces.net, os resultados, o enfoque e o rigor no tratamento dos datos (ver páxina 9 do informe preliminar). Entre as moitas preguntas suxeridas, destacou a diferenza entre as cifras de vítimas antes e despois da nosa investigación.

O día 31 de xaneiro, mantívose una xuntanza máis oficial en Madrid, xunto a outros representantes de proxectos de investigación e oficinas políticas das que depende a memoria histórica nalgunhas comunidades autónomas de España. Nesta xuntanza estiveron representantes da Generalitat e o Memorial Democratic, o goberno de Navarra, a Junta de Andalucía, o goberno vasco, o ministerio de Xustiza, o proxecto de investigación da Universidade de Estremadura e nomesevoces.net.

Os representantes da Generalitat fixeron referencia a todo o que fixeran os gobernos autonómicos anteriores; o goberno de Navarra, a lei de memoria histórica foral aprobada polo Parlamento recentemente; a Junta de Andalucía, referiuse á creación dunha dirección xeral e á lei de memoria histórica que está a elaborar, o ministerio de xustiza ás políticas de reparación e ás restricións orzamentarias que teñen, pero que aínda manteñen ao persoal adscrito á oficina de vítimas; os representantes do País Vasco están a traballar nunha lei en un espazo referente para todas as vítimas; Julián Chaves, profesor da Universidade de Estremadura referiuse ás labores de investigación que levan a cabo desde 2003 e queixouse da falta de apoio económico para as exhumacións por parte do goberno de España. Lourenzo Fernández presentou o proxecto en power point nomesevoces.net, as conclusións científicas, a fructífera relación coas asociacións e particulares e a labor social da páxina web, así como a posta en común con outros proxectos do Estado e de fóra da base de datos de nomes e o seu aproveitamento.

A conclusión é que podemos sentirnos satisfeitos do traballo, mesmo orgullosos, e que case todo o que pretenden facer en Andalucía e País Vasco supón retomar o que xa se fixo en Galicia á altura de 2009: unificación de ficheiros de vítimas, políticas activas de memoria e xerarquización de necesidades, exhumacións protocolarizadas, etc.

Gardado en Noticias 4 de febreiro de 2014 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez