Visita do historiador Francisco Espinosa, autor de “Callar al mensajero” a Galicia

Visita do historiador Francisco Espinosa, autor de “Callar al mensajero” a Galicia

O Proxecto de Investigación Interuniversitario “Nomes e Voces” en colaboración coa Asociación Cultura Aberta de Carral e o Concello do Grove, está a organizar a visita do historiador Francisco Espinosa Maestre (Villafranca de los Barros, Badajoz, 1954) ás vilas de Carral, Santiago de Compostela e O Grove, para impartir tres conferencias entorno a diferentes cuestións sobre o estudo da guerra civil e da represión franquista, aproveitando a recente presentación do seu último libro Callar al mensajero [Península, 2009].

Deste xeito o Proxecto “Nomes e Voces”, dirixido polo catedrático Lourenzo Fernández Prieto, segue traballando, no marco da súa pescuda sobre a guerra civil e a represión franquista, atento aos debates historiográficos, propiciando espazos de encontro favorables ao intercambio académico e científico. Coa visita de Francisco Espinosa pretende poñer en pé un instrumento de comunicación e reflexión histórica na sociedade favorable á normalización da investigación do Golpe de Estado de 1936 e da represión franquista.

Francisco Espinosa, Doutor en Historia, ten realizado numerosos estudos sobre a República, a Guerra Civil Española e a represión franquista sobre en Andalucía e Estremadura, sendo un dos fundadores e asesor histórico da Asociación “Todos los nombres”.

Nos actos organizados en Carral, Santiago de Compostela e O Grove, o profesor Espinosa impartirá conferencias relacionadas con estes traballos, ademais de presentar o seu último libro Callar al mensajero, onde recolle doce casos relacionados con problemas xudiciais e a “memoria histórica”, nos que os xuíces tiveron que resolver á discordia existente entre os dereitos ao honor e o dereito á información.

O programa de actividades no que participará Francisco Espinosa comeza o día 21 de outubro na Casa de Cultura de Carral, onde se celebran as V Xornadas de Recuperación da Memoria Histórica en Carral, dedicadas ao trunfo electoral do Frente Popular, en febreiro de 1936. O autor abrirá estas xornadas organizadas pola Asociación Cultura Aberta coa conferencia titulada “La primavera del Frente Popular”, título homónimo do seu estudo publicado en 2007: La primavera del Frente Popular. Los campesinos de Badajoz y el origen de la guerra civil (marzo-julio de 1936) [Crítica, 2007]. Neste libro Espinosa explora o contexto da República, a cuestión agraria en Badaxoz durante a etapa do Frente Popular e o que sucedeu nos meses de febreiro-xullo de 1936, anterior á represión desencadeada nas zonas rurais.

O xoves día 22, Espinosa Maestre estará pola mañá en Santiago de Compostela para presentar a súa última obra Callar al mensajero na aula 14 da Facultade de Xeografía e Historia da USC. O acto, organizado polo Proxecto de Investigación “Nomes e Voces” estará presentado polo profesor e coordinador deste Proxecto, Xosé Manoel Núñez Seixas e acompañará ao autor, Dionisio Pereira, protagonista dunha das testemuñas que Espinosa estuda no libro.

Ese mesmo día, a partires das 20.00 h, Francisco Espinosa acudirá a O Grove para presentar o seu libro Callar al mensajero na Casa de Cultura Lueiro Rei, nunha xornada organizada polo Concello do Grove e o Proxecto “Nomes e Voces”. O investigador Dionisio Pereira e o concelleiro Antón Mascato xunto ao autor, serán os encargados de abrir o acto. A continuación proxectarase a película Rocío, dirixida por Fernando Ruiz Vergara en 1982. Este filme é analizado no libro, como exemplo de obra censurada por mostrar a represión na provincia de Huelva. Ao remate da película abrirase un breve debate.


Francisco Espinosa Maestre (Villafranca de los Barros, Badajoz, 1954) é Historiador e Doutor en Historia na Universidad de Sevilla, ademais de coordinador científico do Proxecto en rede para a consulta de represaliados polo franquismo Todos los Nombres (http://www.todoslosnombres.org) de Andalucía.

A súa última obra, Callar al mensajero presentase como o último traballo dunha longa traxectoria dedicada á investigación da República, do Golpe de Estado de 1936 e da represión franquista no suroeste, traducidas en moitos artigos e publicacións, entre os que destacan: La guerra civil en Huelva (Diputación de Huelva, 1996), La justicia de Queipo (Crítica, 2000), La columna de la muerte (Crítica, 2003), El fenómeno revisionista o los fantasmas de la derecha española (Del Oeste Ediciones, 2005), Contra el olvido (Crítica, 2006) e La primavera del Frente Popular (Crítica, 2007).

Gardado en Noticias 19 de outubro de 2009 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez