Segunda viaxe do equipo "Nomes e Voces" á Université de la Manouba, en Tunis

Obradoiro de traballo con Bechir Yazidi

Segunda viaxe do equipo "Nomes e Voces" á Université de la Manouba, en Tunis

Tres meses despois da visita do profesor tunesino Bechir Yazidi a Compostela, o equipo de "Nomes e Voces" viaxará a Tunis para proseguir cos encontros de traballo programados entre o Proxecto Interuniversitario "Nomes e Voces" e Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba no marco do proxecto “La fuente oral como base para el estudio de la represión. El caso de la represión colonial francesa en Túnez y franquista en Galicia”, outorgado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), en 2008, ás universidades de Compostela e La Manouba.

O estudo da represión franquista en Galicia e a represión colonial francesa en Tunis a través da fonte oral, é o obxecto deste programa de colaboración, no que o equipo de investigadores de “Nomes e Voces” dirixido polo catedrático en Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, traballará xunto ao equipo tunesino dirixido polo doutor Bechir Yazidi, para, deste modo, intercambiar a súa experiencia no traballo da recuperación da memoria da represión a través da fonte oral.

Entre o 22 e o 26 de febreiro, os investigadores Gustavo Hervella e Antonio Somoza xunto á responsable de comunicación do Proxecto Chus Martínez, terán ocasión de compartir co equipo de traballo de Bechir Yazidi, formado polos investigadores hispanistas Mohamed Aouini e Meimouna Hached-Khebou, os traballos desenvolvidos nos últimos meses polo equipo galego. Así, presentarán o novo deseño da páxina Web nomesevoces.net, explicando polo miúdo a súa reestruturación de información e a accesibilidade a novos contidos. O equipo tamén explicará o funcionamento da base de datos de vítimas da guerra civil, cuxa estrutura utilizarán os investigadores tunesinos baixo o acordo de colaboración.

Os membros do Proxecto “Nomes e Voces” terán a oportunidade de recoller, cotexar e tratar os nomes de exiliados republicanos españois froito do traballo dos investigadores tunisianos e que serán incorporados aos fondos do Proxecto "Nomes e Voces". Ademais, aproveitarán a súa visita para realizar outro tipo de actividades dentro da dinámica do propio Instituto, e tamén visitar os lugares da memoria dos españois exiliados en Tunisia, como foi o caso de Bizerta.

Como ven sendo dinámica habitual do proxecto, os traballos de colaboración do Proxecto con outras institucións e entidades académicas segue a ser fundamental para a divulgación científica dos resultados do seu traballo.

Gardado en Noticias 16 de febreiro de 2010 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez