Hoxe, ás 9.00 horas, daba comezo no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, a primeira das dúas xornadas que conforman o Coloquio Internacional 'Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz', no marco do Foro 2010, promovido polo Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz e que conta cos auspicios da ONU e da UNESCO (www.foro2010.org).
A metodoloxía seguida para estes encontros baseouse na intervención de cada un dos participantes para dar resposta a un guión de cuestións formuladas con anterioridade polos moderadores de cada mesa.
A primeira das mesas, moderada polo catedrático e director do Proxecto, Lourenzo Fernández Prieto, levou por título "O pasado incómodo no estado español: guerra, persecución, reconciliación", e nela participaron os seguintes historiadores: os catedráticos Julián Casanova (Universidad de Zaragoza), Gabriele Ranzato (Historia Contemporánea da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Pisa), Pedro Ruiz Torres (Universitat de Valéncia), J.C. Bermejo (Universidade de Santiago de Compostela) e o Doutor Javier Rodrigo (Universitat Autònoma de Barcelona).
Ás 11.30 horas comezaba a segunda das mesas de encontro baixo o título "O pasado incómodo en Europa: guerra, persecución, reconciliación. Tratamento histórico-comparativo". O Catedrático e Coordinador do Proxecto Nomes e Voces, Xosé Manoel Núñez Seixas, foi o encargado de conducir esta mesa composta polo Doutor Manuel Loff (Universidade do Porto), o Profesor José Mª Faraldo (Universidad Complutense de Madrid), o Investigador Andreas Stucki (Universität Bern) e o Catedrático Ludger Mees (Euskal Herriko Unibertsitatea).
Pola tarde, tiveron lugar en primeiro termo a mesa "O pasado incómodo en Latinoamérica: persecución, reconciliación. Tratamento histórico-comparativo." Nesta participaron como moderador, o profesor Eduardo Rey Tristán (Universidade de Santiago de Compostela), acompañado de Maria Luiza Tucci (PROIN-Universidade de Sâo Paulo), Maria Rosaria Stabili (Università di Roma tre), Jorge Juárez (Universidad de El Salvador) e Horacio Verbitsky (Centro de Estudios Legales y Sociales, Arxentina)
A segunda das sesións, titulada "Xenocidio, xustiza transicional e reparación xurídica: reconciliación e esquecemento" e moderada por Julio Prada Rodríguez (Universidade de Vigo), contou coa colaboración de Antonio Míguez (Universidade de Santiago de Compostela), Fernando Serrulla Rech (Instituto de Medicina Legal de Galicia), Carlos Teijo García (Universidade de Santiago de Compostela), Salvador Eduardo Menendes Leal (Procurador de Derechos Humanos de la República del Salvador)