Presentación do libro "Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)", de Dionisio Pereira

Presentación do libro "Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)", de Dionisio Pereira

O día 22 de marzo ás 20.00 horas, o investigador Dionisio Pereira presentou o seu libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939) (Xerais, 2010) , na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela.

Amais do autor, participaron na presentación: Lourenzo Fernández Prieto, o Director do Proxecto "Nomes e Voces" e o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado.                  

Licenciado en Ciencias Económicas na USC, Dionisio Pereira (A Coruña, 1953) é historiador especialista na historia dos movementos sociais na Galicia contemporánea, ao que ten dedicado numerosos artigos e libros. Entre as súas obras destacan A CNT na Galiza (1922-1933), 1994; Sindicalistas e Rebeldes, 1998; Imaxes da Fatiga. Crónica gráfica do traballo na Galiza, 1999; Foulas e Ronseis (Retrincos para un tratado do Mar dos Galegos), 2005. Asi mesmo, coordinou e participou no volume colectivo Os conquistadores Modernos, 1992. Na actualidade é coordinador do Proxecto Interuniversitario "Nomes e Voces" e durante os últimos anos traballou no eido da cultura marítima de Galicia.

Tomando como principal fío condutor do discurso a evolución do asociacionismo mariñeiro en Galicia na etapa contemporánea, Dionisio Pereira mergúllanos no desenvolvemento da conflitividade social e laboral no «Mar dos Galegos» dende finais do século XIX e comezos do XX, así como na represión que tras o golpe militar do 18 de xullo de 1936 se dirixiu contra todo este tecido individual e colectivo. Esta rede humana que turraba por unha riqueza compartida e un horizonte vital máis libre e igualitario foi, por iso mesmo, masacrada e marxinada.

Nesta obra, produto de moitos anos de traballos e investigacións potenciados coa singradura do chamado Barco da Memoria (2006), o autor tentou, como acto de xustiza e tamén como modesta semente de futuro, recuperar, relacionar e interpretar con rigor e veracidade anacos da «memoria dos vencidos» para retornalos aos seus herdeiros e a toda a cidadanía.

Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), cun estilo claro e conciso, ofrécelle ao lector todos os datos necesarios para entender a organización societaria dos mariñeiros galegos, dende o período anterior ao xurdimento do movemento obreiro ata a chegada da Guerra Civil e a posterior ditadura franquista.

Galería de imaxes do acto

Gardado en Noticias 23 de marzo de 2011 | sen comentarios
Etiquetado como Investigación

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez