Presentación do libro de Manuel Monge: "A Historia secuestrada polo franquismo"

Presentación do libro de Manuel Monge: "A Historia secuestrada polo franquismo"

O xoves, 3 de marzo ás 20 horas, Manuel Monge presenta o seu libro A Historia secuestrada polo franquismo (Edicións Laiovento), na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela.

Ademais do autor, participarán na presentación: Francisco Pillado, de Edicións Laiovento, e Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela.                  

Manuel Monge González (Valladolid, 1947) é mestre e sociólogo. Dous tíos foron asasinados polo franquismo en Dueñas (Palencia). Sufriu a represión da Ditadura, pasando polo cárcere de Basauri en 1968; en 1973 estivo dous meses no cárcere da Coruña por multa gobernativa, con motivo do Xuízo 1001, e despedido en Ferrol como profesor por “faltas inxustificadas” ao traballo, cando estaba no cárcere; despedido en 1974 por “orde gobernativa”. Pasou varias veces pola Comisaría da Coruña, unha delas o 14 de abril de 1977, pouco antes das primeiras eleccións democráticas. En 1984 foi suspendido de emprego e soldo cando traballaba en Agualada (Coristanco).  Foi concelleiro do BNG na Coruña de 2003 a 2007. Colabora como articulista en diversos medios de comunicación. Publicou en 1999 o libro Autovías Galegas. Crónica dunha farsa; en 2003 A Coruña de Paco Vázquez e en 2007 Outra Coruña é posíbel.

Na actualidade é presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.   Este é un libro para recuperar a historia secuestrada polo franquismo, mais tamén un libro para a acción, para cambiar as cousas. Aquí, en Galiza, non houbo Guerra Civil, senón un auténtico xenocidio; como sinala o xuíz Garzón, “un plan sistemático e preconcebido de eliminación de oponentes políticos a través de múltiples mortes, torturas, exilio e desaparicións forzadas de persoas”, con máis de 5.000 asasinados polo fascismo en toda Galiza e máis de 600 na comarca da Coruña. Aquí houbo campos de concentración; os franquistas roubaron miles de menas e nenos ás súas familias, sen que o Goberno se implique na súa recuperación; aínda quedan máis de cen mil persoas nas fosas de todo o Estado. Non podemos esquecer!   A chamada Transición, moi valorada polo paso pacífico dunha ditadura á democracia, tivo aspectos moi negativos, como o pacto de silencio dos principais partidos para deixar de lado o tema das vítimas do franquismo e a conversión, na práctica, da Lei de Amnistía nunha impunidade dos crimes do franquismo. Este libro é un acto de xustiza con todas as persoas que deron a súa vida ou sufriron a represión franquista e que foron xermolos de paz e liberdade.

Gardado en Noticias 28 de febreiro de 2011 | sen comentarios
Etiquetado como Investigación

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez