Presentación do libro "A represión franquista na comarca da Coruña", do Proxecto Nomes e Voces

Presentación do libro "A represión franquista na comarca da Coruña", do Proxecto Nomes e Voces

Hoxe, venres 13 de abril ás 20.00 horas, o Proxecto 'Nomes e Voces' presentará en A Coruña (no Melia Maria Pita Hotel,  Avd. Pedro Barrie De La Maza,1 ) o seu libro "A represión franquista na comarca da Coruña", publicado por Edicións Laiovento. Nun acto no que participarán Emilio Grandío, Coordinador do Proxecto 'Nomes e Voces'; Xurxo Pantaleón, Investigador do Proxecto 'Nomes e Voces' e Manuel Monge, ex Presidente da Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña.

A obra recolle as semblanzas de 600 persoas asasinadas, así como numerosas fotografías e material gráfico recollido polo Proxecto "Nomes e Voces" durante o seu traballo de investigación.

"Este libro pretende recuperar a memoria histórica, ou sexa, a memoria da represión con que o franquismo estragou a comarca da Coruña. Mais é tamén un acto de xustiza para reparar tanta dor e sacrificio e, así mesmo, unha achega para coñecer a verdade. Como dicía Castelao nunha das súas estampas, non enterraron cadáveres, senón semente.

É unha publicación que quere iluminar, como aquel libro do escudo constitucional do Concello da Coruña da IIª República que difundía, por riba da Torre de Hércules, un resplandor luminoso de Progreso e Liberdade (curiosamente, estas foron as dúas primeiras rúas que suprimiron os granquistas cando se fixeron cargo da primeira corporación municipal).

Tendes na man un traballo que quere recordar o pasado, se cadra os acontecementos máis traumáticos que padeceu esta sociedade, máis tamén tenta rememorar o papel da cidade da Coruña e a súa comarca como a referencia máis dinámica e transformadora do noso país. Nesta bisbarra tiveron un protagonismo especial todo tipo de movementos sociais, foi o berce do movemento obreiro, maiormente anarcosindicalista, máis tamén de influxo socialista nalgúns sectores, espazo en que se desenvolveu un agrarismo que destacaba pola súa relación coas ideas socialistas ou libertarias.

Despois da longa noite de pedra da ditadura franquista e de moitos anos de silencio, é hora de homenaxear as vítimas, reparar tanta inxustiza, coñecer a verdade e gardar as súas vidas na nosa memoria colectiva." [Editorial]

Esta presentacións inscríbese no marco das xornadas que A Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña, organiza para conmemorar o día da República.

Novas relacionadas:

"A represión dirixiuse contra todo aquilo que fose capacidade de organización da sociedade civil"

Gardado en Presentacións 13 de abril de 2012 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez