Presentación do libro “Callar al mensajero”, de Francisco Espinosa Maestre, no Grove

Presentación do libro “Callar al mensajero”, de Francisco Espinosa Maestre, no Grove

Hoxe xoves día 22 de outubro ás 20.00 horas, na Casa de Cultura Lueiro Rei do Grove, presentarase o libro “Callar al mensajero”, último traballo do historiador Francisco Espinosa Maestre, editado por Península en 2009. O acto, organizado polo Proxecto de Investigación Interuniversitario “Nomes e Voces” en colaboración co Concello do Grove, enmárcase nunha xornada de debate e análise dedicada aos atrancos xurídicos cos que se atopan os investigadores, familiares ou interesados na recuperación da memoria do noso recente pasado, á guerra civil e a transición.

A obra de Espinosa ve a luz dous anos despois de que o autor estremeño visitase a vila do Grove para participar nas xornadas: A represión en Galiza: O dereito a saber e a liberdade de investigar, evento organizado por representantes dos colectivos que integran a Iniciativa Galega pola Memoria Histórica, o Consello pola Memoria e a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica do Grove, acto no que se expuxeron algúns dos doce casos que agora Espinosa Maestre recolle nesta obra. Así, o libro ten como obxectivo proporcionar ao público unha visión ampla que lles axude a clarificar e explicar a situación legal coa que se atopan as persoas que loitan por achegarse á verdade da historia da represión a través da fonte oral. O libro consta de doce capítulos dedicados a persoas que se toparon con estes atrancos burocráticos e legais, entre os que destacamos a realidade do investigador galego e coordinador do Proxecto “Nomes e Voces”, Donisio Pereira.

O investigador Dionisio Pereira e o concelleiro Antón Mascato xunto ao autor, serán os encargados de abrir o acto. A continuación proxectarase a película Rocío, dirixida por Fernando Ruiz Vergara en 1982. Este filme é analizado no libro, como exemplo de obra censurada por mostrar a represión na provincia de Huelva. Ao remate da película abrirase un breve debate.

Gardado en Noticias 22 de outubro de 2009 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez