Presentación aos medios do programa Coloquio Internacional "Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz

Presentación aos medios do programa Coloquio Internacional "Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz

   Do 13 ao 15 de decembro expertos internacionais de primeiro nivel reuniranse no Coloquio Internacional ‘Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz’ que organiza o proxecto ‘Nomes e Voces’ dentro das actividades do Foro 2010. O programa deste encontro presentárono en rolda de prensa o director do proxecto, o catedrático Lourenzo Fernández Prieto, o historiador e profesor emérito da Universidade de Nova York Nicolás Sánchez Albornoz que será o encargado de pronunciar a conferencia inaugural e o Procurador  de Derechos Humanos de la República del Salvador,  Salvador Menendes Leal.

 O ámbito que aborda o coloquio permítelle á historia situarse como un elemento de reconciliación consciente, ao “revisitar” o pasado a través de novas técnicas e medios, sinalou Lourenzo Fernández Prieto na presentación. O coordinador do proxecto ‘Nomes e Voces’ resaltou ademais a necesidade que a reconciliación se realice “sobre o coñecemento e non sobre a ignorancia forzada”. O Coloquio ponse así en disposición de achegar a súa particular contribución á construción da cultura de paz.

 

 A evolución de España a través da historia recente pon de manifesto a potenciación desta cultura de paz, dixo pola súa banda Nicolas Sánchez-Albornoz, quen alertou de que “a memoria está desaparecendo”. O catedrático considera que os protagonistas –entendidos como fontes orais de información- do período franquista desapareceron ou cóntanse cos dedos da man polo que a fonte principal para estudar esta época da historia española pronto serán unicamente os arquivos, engadiu.

 

 Este coloquio contará entre os seus convidados a destacados estudosos da recuperación da memoria histórica, procedentes de España e de fóra. É o caso do xornalista e escritor arxentino Horacio Verbitsky, o catedrático Julián Casanova (membro do grupo de expertos encargado da busca de fosas comúns e a identificación das vítimas no sumario contra os crimes franquistas promovido por Baltasar Garzón) ou o catedrático da Universidade de Pisa Gabriele Ranzato (considerado un dos máximos eruditos da historia española do século XX e concretamente da II República Española e a Guerra Civil).

Tamén intervirán o catedrático e ex reitor da Universidade de Valencia Pedro Ruiz, presidente da Asociación de Historia Contemporánea e director de diversas publicacións especializadas; a profesora Maria Luiza Tucci Carneiro, que desenvolve investigacións sobre cuestións dos dereitos humanos, intolerancia, anti-semitismo, etnicidade, escravitude, censura, nazismo e inmigración xudía a Brasil; ou Silvestre Lacerda, director da Direcçao Geral de Arquivos (DGARQ), un servizo central da administración estatal portuguesa coordinador do sistema nacional de arquivos. (Fonte: redacción Xornal USC)

Gardado en Noticias 13 de decembro de 2010 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez