O equipo Interuniversitario "Nomes e Voces" ven de celebrar o seu derradeiro encontro de traballo xunto aos profesores tunesinos Bechir Yazidi, Mohamed Aouini e Meimouna Hached-Khebou, do Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba. Estes encontros formaron parte do programa “La fuente oral como base para el estudio de la represión. El caso de la represión colonial francesa en Túnez y franquista en Galicia”, outorgado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), en 2008, ás universidades de Compostela e La Manouba.
Entre o 22 e o 26 de febreiro, os investigadores Gustavo Hervella e Antonio Somoza xunto á responsable de comunicación do Proxecto Chus Martínez, tiveron ocasión de compartir co equipo de traballo de Bechir Yazidi, formado polos investigadores hispanistas Mohamed Aouini e Meimouna Hached-Khebou, os traballos desenvolvidos nos últimos meses polo equipo galego. Así, presentaron a nova aplicación web de nomesevoces.net, explicando polo miúdo a súa reestruturación de información e a accesibilidade a novos contidos. Ao tempo, o equipo tamén explicou o funcionamento da base de datos de vítimas da guerra civil, cuxa estrutura utilizarán os investigadores tunesinos baixo este acordo de colaboración.
Neste encontro, os membros do Proxecto “Nomes e Voces” tiveron a oportunidade de recoller os nomes de exiliados republicanos españois froito do traballo dos investigadores tunesinos e que deste xeito serán incorporados aos fondos do Proxecto "Nomes e Voces".