O historiador Francisco Espinosa presenta o seu último libro “Callar al mensajero” na Facultade de Xeografía e Historia, en Santiago de Compostela

O historiador Francisco Espinosa presenta o seu último libro “Callar al mensajero” na Facultade de Xeografía e Historia, en Santiago de Compostela

O historiador estremeño Francisco Espinosa Maestre (Villafranca de los Barros, Badajoz, 1954) ofrecerá, hoxe día 22 de outubro, na aula 14 da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela a presentación do seu último libro titulado Callar al mensajero (Península, 2009), nun acto organizado polo Proxecto de Investigación Interuniversitario “Nomes e Voces” ás 11.00 horas.

O acto, introducido polo Catedrático de Historia Lourenzo Fernández Prieto, Investigador Principal do Proxecto, contará coa presenza do autor, que estará acompañado no acto polo investigador Dionisio Pereira, protagonista dun dos episodios que Espinosa recolle neste libro.

O profesor Francisco Espinosa ademais é o coordinador científico do Proxecto en rede para a consulta de represaliados polo franquismo Todos los Nombres de Andalucía. A súa obra, Callar al mensajero presentase como o último traballo dunha longa traxectoria dedicada á investigación da II República, do Golpe de Estado de 1936 e da represión franquista no suroeste peninsular.

A presentación deste libro trae a primeiro termo a cuestión da recuperación da memoria da represión franquista e o dereito dos estudosos a investigar nos feitos que se sucederon tras o Golpe de Estado de 1936. Callar al mensajero é o resultado dun traballo de investigación no ámbito xurídico a través de doce casos nos que os seus protagonistas tiveron que facer fronte a problemas xurídicos. No caso dos historiadores por mor das súas labores de recuperación da memoria histórica, e no caso dos familiares, por tentar resarcir a dignidade das vítimas. O estudo abarca diferentes casos que arrancan na transición, cando a liberdade de expresión aínda era feble e comunicar a ciencia era un problema en moitos ámbitos como o cine, a literatura e os medios de comunicación, chegando á actualidade.

Os casos que o autor aborda no libro teñen como protagonistas diferentes nomes e lugares, entre os que destacamos pola súa proximidade, o acontecido con Dionisio Pereira, investigador e coordinador do Proxecto “Nomes e Voces”, que foi denunciado pola familiares dun suposto represor xa que Pereira proporcionara o seu nome no marco das súas pescudas sobre a represión franquista en Cercedo (Pontevedra); e o falecido Ramón Garrido, autor dun texto de carácter autobiográfico no que se facía referencia á actividade represora do alcalde de O Grove, e que tras figurar na rede, foi retirado tras a denuncia da familia deste.

Con este acto, o Proxecto “Nomes e Voces”, dirixido polo catedrático Lourenzo Fernández Prieto, segue traballando, no marco da súa pescuda sobre a guerra civil e a represión franquista, atento aos debates historiográficos propiciando espazos de encontro favorables ao intercambio académico e científico.


Francisco Espinosa Maestre (Villafranca de los Barros, Badajoz, 1954) é Historiador e Doutor en Historia, ademais de coordinador científico do Proxecto en rede para a consulta de represaliados polo franquismo Todos los Nombres de Andalucía, con sede en www.todoslosnombres.org.

A súa obra, Callar al mensajero presentase como o último traballo dunha longa traxectoria dedicada á investigación da República, do Golpe de Estado de 1936 e da represión franquista no suroeste, traducidas en moitos artigos e publicacións, entre os que destacan: La guerra civil en Huelva (Diputación de Huelva, 1996), La justicia de Queipo (Crítica, 2000), La columna de la muerte (Crítica, 2003), El fenómeno revisionista o los fantasmas de la derecha española (Del Oeste Ediciones, 2005), Contra el olvido (Crítica, 2006) e La primavera del Frente Popular (Crítica, 2007).

Gardado en Noticias 22 de outubro de 2009 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez