Ven de facerse público o novo Site do Grupo de Referencia Competitiva: “Historia Agraria e Política do mundo rural. Séculos XIX e XX” da USC, dirixido por Lourenzo Fernández Prieto desde o Departamento de Historia Contemporánea e de América: http://histagra.usc.es
Esta nova aplicación web está pensada como unha ferramenta de investigación e difusión dos resultados científicos obtidos polo Grupo de investigación HISTAGRA a través das diferentes liñas de pescuda que sobre o mundo rural e agrario galegos se levan a cabo desde o ano 2006, atendendo, fundamentalmente, a cuestións relacionadas co clientelismo político, sociedades rurais, políticas da memoria, transformacións na agricultura atlántica, política agraria, medio ambiente, construción da cidadanía e cambio social no mundo rural contemporáneo, entre outras.
A principal novidade da Web é a importante información científica que aporta, distribuída en Investigación e Publicacións. Así, proporciona a posibilidade de consultar traballos académicos inéditos -teses, tesiñas-, bibliografías e unha completa base de publicacións relacionadas cos temas de estudo e que foron elaboradas polos propios investigadores do Grupo. Así mesmo, tamén se ofrece unha completa relación de proxectos de I+D acadados polos investigadores adscritos en convocatorias públicas do Ministerio de Ciencia y Tecnología do goberno de España e da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia.