O fondo de entrevistas do Proxecto de Investigación Interuniversitario "Nomes e Voces" xa ten ao redor de 450 entrevistas

O Proxecto de Investigación Interuniversitario “As vítimas, os nomes e as voces” ven de incrementar o seu fondo sonoro con novas gravacións a persoas que sufriron a represión directamente ou aos seus familiares. En maio de 2009 están catalogadas 449 entrevistas repartidas nas catro provincias galegas, Uruguai, Arxentina, Cuba, Costa Rica, Asturias, Cataluña, País Vasco e Madrid.

Nos próximos meses acometerase de novo o estudo da represión franquista atendendo aos testemuños orais, sobre todo a aqueles que nos aporten datos novos e descoñecidos: familiares de desaparecidos, xente que foi represaliada –o que supón falar con persoas cunha media de idade superior aos 80 anos- ou ben que teñan memoria de espazos até agora non visitados polos investigadores.

As provincias de Coruña e Pontevedra son as que máis testemuños aportan -máis do 50% das entrevistas realizadas-, seguidas pola de Ourense e Lugo. A presenza da muller, feito este destacado desde o comezo do proxecto, é importante en Pontevedra, superando ao número de homes entrevistados. En xeral, destacan os concellos de Cangas do Morrazo, Bueu, Marín, A Estrada, Vilagarcía, A Cañiza e Ponteareas en Pontevedra; os de Betanzos, Mugardos e As Pontes na Coruña; Ribadeo, A Pontenova, A Fonsagrada, Monforte de Lemos e O Saviñao en Lugo e Sandiás, O Barco de Valdeorras e Ribadavia en Ourense, amais das capitais.

Respecto ás testemuñas, son máis abundantes os fill@s de represaliados, tendo en conta que nesta categoría están os nacidos nos anos trinta e que, polo tanto, eran pequenos en 1936 e tamén os nacidos nos anos vinte e que xa eran uns adolescentes cando aconteceron os feitos represivos.

Deste xeito, o Proxecto de investigación ofrece á sociedade uns fondos únicos para o estudo da represión e a instauración do réxime franquista en Galicia e que agardamos sexa referente para todas aquelas persoas que se adentren nos estudos desta etapa da nosa historia.

Gardado en Noticias 25 de maio de 2009 | sen comentarios
Etiquetado como Memoria, Guerra civil, Franquismo, Investigación, Historia

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez