Mundo rural e sindicalismo agrario a debate en Arzúa

Mundo rural e sindicalismo agrario a debate en Arzúa

Entre os vindeiros 8 e 10 de setembro, celebrarase no Recinto Feiral “Terra do Queixo” (Multiusos) do Concello de Arzúa (A Coruña) o Curso de Verán: Cincuenta anos de sindicalismo agrario en España: da ditadura á democracia (1936 – 1986), organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da Universidade de Santiago de Compostela e polo Grupo de Investigación HISTAGRA: Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX.

Este Curso de Verán conta tamén coa colaboración do Excmo. Concello de Arzúa, do Proxecto de Investigación: Mobilización política e conflitividade social nun contexto de grandes cambios… e da Fundación 10 de Marzo de CCOO de Galicia.Tomando como fío conductor a análise de medio século de asociacionismo agrario en Galicia e no conxunto de España, este seminario - no que participarán algúns e algunhas d@s máis nomead@s especialistas no tema nos ámbitos galego e estatal - pretende facer un balance historiográfico crítico e actualizado sobre a situación política e socio – económica do mundo rural durante a ditadura franquista, a transición e os primeiros anos da democracia (até o ingreso de España na CEE).

 A primeira xornada (día 8 de setembro) adicarase a análise do sindicalismo vertical franquista no mundo rural como instrumento para a desmobilización política e o encadramento da sociedade rural, atendendo tamén a aspectos como a represión da preexistente sociedade civil rural, o cooperativismo franquista ou ós vencellos entre entidades sindicais, propietarios, poderes locais e empresariado agrícola.

 As ponencias do día 9 de setembro centraranse nas organizacións do sindicalismo agrario democrático durante o tardofranquismo e a transición, é dicir, entre a clandestinidade e a legalización dos sindicatos, e no papel desempeñado por estes no agro como medio para a socialización política dos labregos e a reivindicación da democracia.Unha mesa redonda no fin do mesmo día 9, que pretende dar voz á memoria de aqueles axentes da sociedade civil rural que protagonizaron a fase final do franquismo e a transición, analizará as grandes mudanzas estruturais (produtivas, sociais, demográficas… pero tamén políticas e culturais) que experimentou o mundo rural en Galicia e España dende 1960 en adiante, coincidindo coa chamada crise da agricultura tradicional, a imposición do paradigma produtivo da Revolución Verde e a incorporación de España á CEE e á Política Agraria Común (PAC). Unha saída de campo, na mañá do día 10, percorrendo diferentes paisaxes rurais do Concello de Arzúa e visitando unha explotación gandeira, servirá para apreciar in situ as “herdanzas”, as problemáticas e as expectativas de futuro deixadas pola industrialización da agricultura en esta bisbarra do interior de Galicia.     

O Curso de Verán, de 20 horas de duración, está destinado a un público plural e diverso, que teña como denominador común o interese pola situación actual do mundo rural e pola súa xénese histórica. En primeiro lugar, a estudantes universitarios de grao e posgrao que estean a cursar estudos no eido das Humanidades e das Ciencias Sociais (Historia, Humanidades, Ciencias Económicas e Ciencias Políticas, Socioloxía, Antropoloxía, Ciencias Medioambientais…) pero tamén en ensinanzas técnicas relacionadas co mundo rural (Enxeñería Agroalimentaria, Forestal, Veterinaría...). Tamén a axentes sociais activos en entornos e sociedades rurais, como labreg@s, funcionari@s de servizos públicos vencellados á agricultura, mestres, técnic@s e empresari@s agrarios, membros de asociacións veciñais e culturais, organizacións sindicais e partidos políticos… e en xeral a calquera persoa que desenvolva a súa vida cotiá nun entorno rural… De aí a elección de Arzúa (A Coruña), un concello rural representativo dunha economía de base agrogandeira, para a realización deste Curso de Verán da USC.

Gardado en Xornadas 26 de xullo de 2011 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez