O informe de Pablo de Greiff, Relator Especial sobre a promoción da verdad, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, sobre a súa visita ao reino de España, vén de ser publicado e será presentado oficialmente o vindeiro 10 de setembro. Na súa visita, entre o 21 de xaneiro e o 3 de febreiro de 2013, mantivo encontros con representantes do Estado y da sociedade civil tanto a nivel central, como nas Comunidades Autónomas de Andalucía, Cataluña e Galicia, onde coñeceu de preto o desenvolvemento do proxecto Nomes e voces.
No seu informe, de Greiff sinala: " O Relator Especial destaca iniciativas valiosas en favor da verdade, que aínda que non suplen as necesidades dunha política de Estado e de mecanismos oficiais de verdade, poderían caracterizarse como boas prácticas, pola súa calidade metodolóxica, a cantidade e variedade dos seus fondos documentais e accesibilidade ao público. O proxecto Nomes e Voces, liderado pola Universidade de Santiago de Compostela, fixo público en Internet un amplísimo fondo documental sobre a represión e as vítimas da Guerra Civil en Galicia, con testemuños directos e arquivos, catalogados e dixitalizados. O Relator Especial tamén saúda o extenso banco audiovisual, que inclúe testemuños e vídeos educativos do Memorial Democràtic de Catalunya. O Relator Especial expresa preocupación de que non existan aínda iniciativas similares a nivel estatal. A falta dunha política pública sobre verdade e memoria limita as oportunidades de coordinación e intercambio de experiencias e saberes e dificulta a maximización do impacto e os recursos. Restrinxe tamén a posibilidade de ampliar os proxectos de esclarecemento histórico de forma que eventualmente acubillen a todas as vítimas (e aínda o testemuño dos perpetradores)".
Recomendacións do Relator
O Relator Especial formula unha serie de recomendacións e insta a:
a) Mostrar un compromiso decidido do Estado por darlle vixencia plena, con carácter prioritario, aos dereitos á verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición. O Relator Especial recalca que as limitacións de recursos, aínda que poden reducir as capacidades do Estado, non poden xustificar a inacción en favor destas medidas;
b) Avaliar rigorosamente a implementación da Lei de Memoria Histórica e o seu uso por parte das vítimas en aras de axustar os modelos e medidas aos reclamos das vítimas, establecendo canles de comunicación entre as autoridades competentes, as vítimas e asociacións;
c) Incrementar e promover o contacto e a coordinación entre as diferentes institucións públicas de memoria histórica, así como asignar os recursos necesarios para o cumprimento das súas funcións;
d) Promover as actuacións na materia e coordinación entre as Defensorías do Pobo nacional e autonómicas existentes;
e) Evitar disparidades profundas nas leis relevantes ao tema entre niveis autonómicos e nacional, asegurando unha protección igualitaria e homoxénea para todas as vítimas. O Relator Especial recoñece a competencia das comunidades autónomas e o desenvolvemento de lexislación e medidas que ofrecen maior recoñecemento e protección ás vítimas que a nivel nacional.
f) Promover as iniciativas do Estado e a sociedade civil que aglutinen e respondan as demandas de todas as vítimas de violacións dos dereitos humanos e do dereito humanitario, independentemente da súa afiliación política ou aquela de os perpetradores.
g) Atender de forma urxente as demandas das vítimas en termos de verdade, establecer algún mecanismo para "oficializala" e resolver a excesiva fragmentación que caracteriza a construción da memoria en España. Restablecer, se non aumentar, os recursos nesta materia. Un mecanismo oficial para o esclarecemento da verdade deberá cumprir polo menos coas seguintes funcións:
- Sistematizar a información existente;
- Superar a fragmentación e dispersión da información e esforzos;
- Trazar un plan ordenado de investigacións;
- Establecer metodoloxías e a homologación das mesmas;
- Acceder a arquivos e fondos documentais oficiais e non oficiais;
- Incluír un proceso oficial de validación, presentación formal e espallamento das súas conclusións que ofreza un recoñecemento oficial ás vítimas;
- Promover a participación das vítimas e os seus familiares no proceso e rexerse pola noción de dereitos, independentemente da identidade ou filiación política tanto de vítimas como de perpetradores;
h) Revisar, consultando coas vítimas e as asociacións, o modelo actual onde o Estado delega a responsabilidade sobre as exhumaciones. Asignar os recursos necesarios e asegurar a actuación das autoridades xudiciais, entre outras, en todos os casos;
i) Establecer unha política estatal de arquivos que garanta o acceso a todos os fondos, revisando os criterios aplicables en materia de privacidade e confidencialidade, para axustalos aos estándares internacionais aplicables, incluíndo regulacións claras, por exemplo a través da adopción dunha Lei de arquivos.
j) Sistematizar as iniciativas en relación con símbolos e monumentos franquistas, de conformidade coa lexislación vixente, promovendo intervencións diferenciadas, a contextualización e "resignificación" de símbolos e monumentos cando non se recomende a súa remoción;
k) Implementar as recomendacións formuladas pola Comisión de Expertos para o Futuro do Val dos Caídos no seu informe de 2011, en particular en favor da "resignificación" do sitio, programas de investigación e divulgación e a restauración e conservación, incluíndo a dignificación do cemiterio e o resgardo respectuoso dos restos de todas as persoas aí inhumadas. Achegar maior claridade á lexislación sobre a condición xurídica das diferentes partes do sitio, sobre as competencias e responsabilidades do Estado e da Igrexa. Atender os reclamos de quen esixen recuperar os restos dos seus familiares inhumados aí sen o seu consentimento. Cando non sexa materialmente posible, deseñar e implementar, coa participación dos familiares, medidas adecuadas de reparación, incluíndo medidas simbólicas ou de dignificación;
l) Continuar consolidando os esforzos realizados en materia de educación histórica e en dereitos humanos e establecer mecanismos de avaliación sobre a implementación destes programas, con miras a asegurar consistencia e unha efectiva execución;
m) Fortalecer os programas de formación de funcionarios públicos, incluídos o Poder Xudicial e as forzas de seguridade, en materia de dereitos humanos e incorporar materias relacionadas coa historia da Guerra Civil e o franquismo, en liña cos plans de estudo nacionais, incluíndo o estudo das responsabilidades das institucións do Estado nas violacións graves dos dereitos humanos e do dereito humanitario durante este período, como unha medida de educación, sensibilización e para promover a non repetición. Centrar este estudo nos dereitos de todas as vítimas.
n) Ampliar o recoñecemento e a cobertura dos programas de reparación para incluír todas as categorías de vítimas que quedasen fóra dos programas existentes. Tomar medidas para atender os pedidos relacionados coa restitución das propiedades e documentos incautados a particulares. Realizar maiores esforzos para establecer medidas de reparación non materiais e simbólicas;
o) Ampliar os estudos existentes sobre as violacións aos dereitos das mulleres e desenvolver medidas de reparación e recoñecemento especial do dano que sufriron como consecuencia da Guerra Civil e o franquismo, incluíndo a violencia sexual, agresións, humillacións e discriminación en represalia pola súa afiliación real ou suposta ou a das súas familias ou parellas;
p) Identificar mecanismos idóneos para facer efectiva a nulidade das sentenzas adoptadas en violación dos principios fundamentais do dereito e do debido proceso durante a Guerra Civil e o franquismo. Estudos comparados doutras experiencias de países que enfrontaron retos similares, incluíndo moitos no contexto europeo, poden resultar sumamente proveitosos.
q) Valorar as alternativas e privar de efecto as disposicións da Lei de Amnistía que obstaculizan todas as investigacións e o acceso á xustiza sobre violacións graves dos dereitos humanos cometidas durante a Guerra Civil e o franquismo;
r) Promover unha maior conciencia acerca das obrigacións internacionais en materia de acceso á xustiza, o dereito á verdade e as garantías do debido proceso e darlle expresión institucional adecuada a esas obrigacións;
s) Asegurar a colaboración da xustiza española con procedementos xudiciais no exterior e tomar medidas contra o enfraquecemento do exercicio da xurisdición universal por parte de tribunais españois.