Francisco Espinosa presentou o seu  libro “Callar al mensajero” contribuíndo ao debate sobre o dereito a investigar, nun acto organizado polo Proxecto "Nomes e Voces"

Francisco Espinosa presentou o seu libro “Callar al mensajero” contribuíndo ao debate sobre o dereito a investigar, nun acto organizado polo Proxecto "Nomes e Voces"

O historiador estremeño Francisco Espinosa Maestre (Villafranca de los Barros, Badajoz, 1954) participou nun encontro dedicado á reflexionar acerca do dereito dos investigadores a pescudar no pasado máis recente, co gallo da publicación do seu último libro "Callar al mensajero" (Península, 2009).

O acto tivo lugar o día 22 de outubro ás 11.00 horas na aula 14 da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, e estivo organizado polo Proxecto de Investigación Interuniversitario “Nomes e Voces”, dirixido polo Catedrático de Historia Lourenzo Fernández Prieto, que segue traballando no marco da investigación sobre a guerra civil e a represión franquista.

O evento estivo presentado e moderado por Fernández Prieto, Investigador Principal do Proxecto, e contou ademais de coa presenza de Francisco Espinosa, coa intervención do investigador Dionisio Pereira, protagonista dun dos episodios que Espinosa recolle neste libro.

A presentación deste libro trae a primeiro termo a cuestión da recuperación da memoria da represión franquista e o dereito dos estudosos a investigar nos feitos que se sucederon tras o Golpe de Estado de 1936. Callar al mensajero é o resultado dun traballo de investigación no ámbito xurídico a través de doce casos nos que os seus protagonistas tiveron que facer fronte a problemas xurídicos. No caso dos historiadores por mor das súas labores de recuperación da memoria histórica, e no caso dos familiares, por tentar resarcir a dignidade das vítimas. O estudo abarca diferentes casos que arrancan na transición, cando a liberdade de expresión aínda era feble e comunicar a ciencia era un problema en moitos ámbitos como o cine, a literatura e os medios de comunicación, chegando á actualidade.

Esta tarde, Espinosa presentará "Callar al mensajero" no Grove, nun acto no que colabora o Proxecto "Nomes e Voces" xunto ao Concello do Grove, e que terá lugar na Casa de Cultura Lueiro Rei a partir das 20.00 horas.

Francisco Espinosa Maestre (Villafranca de los Barros, Badajoz, 1954) é Historiador e Doutor en Historia, ademais de coordinador científico do Proxecto en rede para a consulta de represaliados polo franquismo Todos los Nombres de Andalucía, con sede en www.todoslosnombres.org.

Gardado en Noticias 27 de outubro de 2009 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez