Entrevista a Antonio Míguez a propósito de «La genealogía genocida del franquismo»

Antonio Míguez Macho.

Entrevista a Antonio Míguez a propósito de «La genealogía genocida del franquismo»

A xornalista Montse Dopico entrevista, en Praza Pública, a Antonio Míguez Macho co gallo da edición de La genealogía genocida del franquismo. Violencia, memoria y impunidad (Abada, 2014).

Na entrevista bótase luz sobre a construción historiográfica de La genealogía genocida del franquismo a partir das primeiras reflexións imprentadas por Míguez Macho en O que fixemos en Galicia, precísanse a distinción entre crimes contra a humanidade, crimes de guerra e xenocidio e explícase a escolla da cualificación de xenocido sobre a noción de «represión».

Decántase Antonio Míguez: «Non é unha cuestión de utilizar unha palabra ou outra, senón do que ten detrás. En primeiro lugar, habería que distinguir, como dicía antes, a violencia de retagarda, que tivo un carácter sistemático que vai máis alá da represión política. Porque represión política xa a houbera antes do 36 e tamén a hai hoxe, nas democracias. Outra cousa é se está dentro ou non da legalidade. Quero dicir: no 1917 houbo unha gran folga xeral que acabou con centos de dirixentes obreiros no cárcere. O mesmo pasou coa Revolución de 1934, en Asturias: centos e miles de obreiros no cárcere, e mesmo condenas a morte. Pero a partir do golpe de Estado do 36 produciuse un tipo de violencia especial, unha violencia sistemática cuxo obxectivo era acabar cunha parte da sociedade, borrar a súa identidade. É dicir, un xenocidio. E este cambio conceptual permite incorporar outro tipo de cuestións. Primeiro, os verdugos, os perpetradores. Non se trata só de facer reconto e sistematización dos perfís das vítimas, que tamén é moi importante. Trátase, como se fixo en Ruanda, ou na ex-Iugoslavia, de saber quen foron os responsables: quen matou, por que, como… Outra cuestión é quen participou nesas matanzas e por que, que é un tema que aquí case non se estudou: a mobilización social, a participación da sociedade no xenocidio. Isto implica estudar cuestións moi difíciles e que xeran grandes tensións sociais, como a delación. Todo isto, que foi estudado por exemplo no caso da Alemaña nazi, aquí resólvense con apelacións ao contexto de guerra, aos “excesos de ambos bandos” ou, simplemente, ás consecuencias da “represión franquista”.

Gardado en Noticias 30 de marzo de 2014 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez