Desenvolvemento das xornadas de traballo do Proxecto “Nomes e Voces” no Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba

Desenvolvemento das xornadas de traballo do Proxecto “Nomes e Voces” no Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba

O Proxecto de Investigación Interuniversitaro “Nomes e Voces” (www.nomesevoces.com) iniciou en Túnez o xoves 24 de setembro, as primeiras xornadas de traballo no marco do proxecto “La fuente oral como base para el estudio de la represión. El caso de la represión colonial francesa en Túnez y franquista en Galicia”, outorgado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID), en 2008, ás universidades de Compostela e La Manouba.

O estudo da represión franquista en Galicia e a represión colonial francesa en Túnez a través da fonte oral, é o obxecto deste programa de colaboración, no que o equipo de investigadores de “Nomes e Voces” dirixido polo catedrático en Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, traballará xunto ao equipo tunesino dirixido polo doutor Bechir Yazidi, para, deste modo, intercambiar a súa experiencia no traballo da recuperación da memoria da represión a través da fonte oral.

O desenvolvemento do ciclo está articulado por diferentes encontros de traballo que terán como escenario ambas universidades, sucedéndose o primeiro deles na cidade tunesina de La Manouba cunha duración de catro días. Entre o 24 e o 27 de setembro, Lourenzo Fernández Prieto acompañado do investigador Antonio Somoza Cayado, intercambiarán experiencias cos especialistas norteafricanos na represión colonial francesa, evidenciando os puntos coincidentes coa represión franquista en Galicia Así, tunesinos e galegos poderán intercambiar e poñer en valor as súas respectivas pescudas e resultados de traballo na fonte oral como base para o estudo da represión en ambos países.

Seguindo o programa de actividades, o xoves día 24 os investigadores galegos tiveron ocasión de coñecer ao equipo de traballo de Bechir Yazidi, formado polos investigadores hispanistas Mohamed Aouini e Meimouna Hached-Khebou. Posteriormente, os membros do Proxecto “Nomes e Voces” presentaron aos membros do Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba o traballo de investigación desenvolto nos últimos tres anos sobre a represión franquista en Galicia, incidindo na metodoloxía de traballo utilizada en relación á recollida e estudo da fonte oral, xa que este é un dos fondos documentais máis relevantes do Proxecto “Nomes e Voces”, no que se teñen incluídas un total de 348 entrevistas.

O venres día 25, Fernández Prieto e Somoza Cayado visitarán o departamento de historia oral da Université de La Manouba, na que se inclúe unha sesión de visionado dos vídeos realizados polos alumnos, e que irá acompañado dun seminario de discusión. Esta xornada permitirá a achega ás testemuñas de militantes tunesinos que viviron a represión colonial francesa.

Ademais, os investigadores de “Nomes e Voces” aproveitarán a súa visita para realizar outro tipo de actividades como entrevistarse con alumnos de español da facultade de letras de La Manouba. Ao tempo, visitarán Bizerta, cidade que recibiu un importante número de republicanos españoles no exilio, a maioría deles mariños, tras a Guerra Civil en 1939.

Como ven sendo dinámica habitual do proxecto, os traballos de colaboración do Proxecto con outras institucións e entidades académicas segue a ser fundamental para a divulgación científica dos resultados do seu traballo. A seguinte cita será o día 4 de novembro, cando o equipo tunesino formado polos investigadores Mohamed Aouini, Meimouna Hached-Khebou e Bechir Yazidi visiten Compostela para desenvolver o segundo dos encontros de traballo, organizadas esta vez polo Proxecto “Nomes e Voces”.

Gardado en Noticias 25 de setembro de 2009 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez