Cuarta fase do Proxecto de Investigación Interuniversitaria "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares"

Cuarta fase do Proxecto de Investigación Interuniversitaria "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares"

O Consello da Xunta ven de autorizar o pasado 26 de marzo de 2009, a sinatura dun convenio polo que a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, achega 231.000 euros ao Proxecto de Investigación Interuniversitario"As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", auspiciado polas tres universidades galegas, de Santiago, Vigo e A Coruña, e dirixido polo catedrático de Historia Contemporánea na USC, Lourenzo Fernández Prieto, quen encabeza un grupo integrado por dez especialistas.

Deste xeito, o estudo chega este ano á súa cuarta fase, que se centrará na represión en Galicia durante a ditadura franquista relativa ao período comprendido entre 1940 e 1977.

O estudo pescudará na documentación e a bibliografía para investigar sobre a represión económica, as causas militares abertas nese período, a guerrilla e a loita antifranquista, o sistema represivo e penitenciario, etc. Tamén se realizarán entrevistas persoais e se incorporarán fontes orais doutros estudos.

Esta nova xeira complétase co establecemento de liñas de colaboración con outras iniciativas de investigación e con tarefas de difusión do proxecto que propiciarán a disposición da base de datos da investigación na web do proxecto: http://www.anodamemoria.com.

O Proxecto "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares" naceu para estudar a represión franquista tras o Golpe de Estado de 1936 e da Ditadura, ofrecendo á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía ou a súa posición favorable á democracia republicana. Esta tarefa abórdase desde a perspectiva do rigor da investigación histórica, cubrindo deste xeito, os baleiros existentes sobre este período de estudo, e fundamentalmente poñendo ao servizo da sociedade galega os nomes dos represaliados polo franquismo, a través dunha base de datos específica que recolla os principais datos de cada persoa. Ao tempo, recoller as voces dos que pasaron polo cárcere, o exilio ou estiveron agochados, así como as lembranzas dos seus familiares máis achegados. Por último, botar luz sobre os lugares da represión, as cunetas, os cemiterios, as corredoiras ou os montes, onde os represaliados foron asasinados ou foron vexados.

Gardado en Noticias 27 de marzo de 2009 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez