Carlos F. Velasco Souto (Tomeza, Pontevedra, 1958), doutor en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, profesor na Facultade de Humanidades en Ferrol, asesor histórico do Proxecto de Investigación Interuniversitaria "As vítimas, os nomes e as voces" e especialista en temas de historia social de Galiza, ven de presentar o libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950) publicado na colección Cadernos de Estudios Oleirenses da editorial Trifolium. O traballo preséntase como unha minuciosa achega ao golpe de estado de 1936 e á ditadura franquista contextualizado no concello de Oleiros (A Coruña), nun intento por botar luz a este capítulo da nosa historia.
O autor ofrece os resultados do traballo que levou a cabo nesta vila coruñesa sobre a represión franquista na que leva traballando activamente nos últimos anos como demostran outros estudos asinados por el: Agitacións campesinhas na Galiza do século XIX (Santiago de Compostela, Eds. Laiovento, 1995), Labregos Insubmissos (Santiago de Compostela, Eds. Laiovento 2000), Galiza na II República (Vigo, Eds. A Nosa Terra, 2000), O Agrarismo Galego, (Santiago de Compostela, Eds. Laiovento, 2002) ou 1936. Represión e Alzamento militar en Galiza (Vigo, Eds. A Nosa Terra, 2006).
O libro A represión franquista en Oleiros (1936-1950) estruturase en tres capítulos onde aborda o Bienio Progresista, o Bienio Negro e o Fronte Popular e a represión. A través destes bloques temáticos, Carlos F. Velasco Souto dá explicación aos acontecementos que se precipitaron nos derradeiros anos da República, rematando nunha cruenta represión, estruturada en diversos tipos: física, económica, laboral e ideolóxica. Así mesmo, atende aos represores, dando nomes de persoeiros que tiveron responsabilidade, cando menos política, nos asasinatos de Oleiros.
O ensaio de carácter científico complétase con reproducións de documentos e táboas de información, ofrecendo os nomes dos protagonistas conservados ao longo deste tempo.