Bechir Yazidi reflexionou sobre o exilio republicano en Túnez esta mañá na Facultade de Xeografía e Historia

Bechir Yazidi reflexionou sobre o exilio republicano en Túnez esta mañá na Facultade de Xeografía e Historia

O historiador Bechir Yazidi (Túnez, 1952) impartiu o pasado día 4 de novembro unha conferencia sobre o exilio republicano español en Túnez na Facultade de Xeografía e Historia da USC.

Neste acto o profesor Yazidi presentou en Compostela o seu último libro: El exilio republicano en Túnez (Edicións Embora, 2008), resultado da súa investigación sobre a cuestión do exilio republicano español cara as costas de Túnez a partires de 1939. Lourenzo Fernández Prieto, director do Proxecto “Nomes e Voces” presentou esteacto.

Bechir Yazidi, Doutor en Historia Contemporánea no Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba, é experto nas relacións entre os países do mediterráneo africano e europeo, especialmente entre España e o Magreb. A súa investigación céntrase nas diferentes cuestións que abranguen ao exilio español en Túnez a partires do fin da Guerra Civil de 1936; a forma na que chegaron os españois ás costas tunesinas, dificultades e problemas que xurdiron coa chegada dos refuxiados, a vida dos refuxiados nos campamentos e o impacto da presenza dos refuxiados españois en Túnez.

Esta conferencia está organizada polo Proxecto “Nomes e Voces” dentro do traballo de colaboración que se está a desenvolver entre o Proxecto de Investigación galego e o Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National da Université de la Manouba que coordina Bechir Yazidi e Lourenzo Fernández, en torno á recuperación da memoria no marco do proxecto “La fuente oral como base para el estudio de la represión. El caso de la represión colonial francesa en Túnez y franquista en Galicia” patrocinado pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID) en 2008.

Por este motivo, os investigadores tunesinos, Bechir Yazidi e Mohammed Aouini, están entre os días 2 e 5 de novembro en Santiago de Compostela, co fin de proseguir coas tarefas de colaboración co Proxecto «Nomes e Voces» en torno ao estudo da fonte oral como base para a investigación da represión.

Durante cinco días, os dous equipos de traballo compartirán diferentes actividades organizadas polo Proxecto “Nomes e Voces”, entre as que se atopan a visita ao Arquivo Militar de Ferrol e ao Campo da Rata na Coruña. Este é o segundo encontro de ambos equipos despois da viaxe de investigadores do Proxecto "Nomes e Voces" a Túnez no mes de setembro, e permitirá ao equipo tunesino compartir en Compostela as súas pescudas na recuperación da memoria oral de Túnez, e coñecer as diferentes bases de datos da guerra civil e a represión franquista que os investigadores galegos están a crear desde o ano 2006: a recentemente publicada base de nomes das vítimas da guerra civil (http://vitimas.nomesevoces.net) e as bases relacionadas coa fonte oral e documental.


Bechir Yazidi é Doutor en Historia Contemporánea e Investigador do Institut Supérieur d'Histoire du Mouvement National (ISHMN) de La Manouba (Túnez). Experto nas relacións entre os países ribeirenses do Mediterráneo occidental. En 2005 publicou El dominio del Estado y la política colonial en Túnez desde 1881 hasta la crisis de los años 30 , e no ano 2008 El exilio republicano en Túnez (Edicións Embora).

Gardado en Noticias 5 de novembro de 2009 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez