O venres día 3 de febreiro ás 10.00h., dará comezo o seminario-debate: "Que futuro para o agro?", unha iniciativa organizada pola Rede de Grupos de Investigación en Agroecoloxía e Historia, que terá lugar na Escola de Capacitación Agraria Pedro Munias (R/Villaframil,s/n., Ribadeo-Lugo).
A Rede de Grupos de Investigación en Agroecoloxía e Historia organiza esta actividade para interrogar o estado actual do agro, abordando esta cuestión sen restricións, desde os diferentes puntos de vista existentes no mundo científico e académico: agronomía, economía, agroecoloxía, antropoloxía e socioloxía, bioloxía, tecnoloxía de alimentos, edafoloxía, xeografía, dereito e ciencia política.
Durante unha xornada de traballo completa, os asistentes formarán parte dunha grande mesa redonda. Dado que se espera un acto de certa dimensión en número de asistentes, organizarase en varias roldas de intervención curtas (2 minutos por convidado/a) ó longo do día e unha sesión final de clausura.