Onte tivo lugar a cesión da documentación histórica do sindicalista José Villaverde Velo á Real Academia Galega, nun acto no que participaron as irmáns Mar y Luz e Olga Villaverde Otero e o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín. Cúmprese así un dos desexos dos familiares de Villaverde Velo: que a documentación de carácter político agochada durante a Guerra Civil e a ditadura franquista remate nun Centro Documental de carácter público accesible a toda a cidadanía interesada na historia do movemento obreiro galego e na represión franquista acontecida tralo golpe de estado de xullo de 1936.
En 2007 o Proxecto de Investigación “Nomes e Voces” púxose en contacto coas irmáns Villaverde Otero grazas á relación que o coordinador de Pontevedra Dionisio Pereira mantiña coa familia desde os anos setenta. Desde ese momento, os investigadores da universidade compostelá realizaron unha recompilación, catalogación e dixitalización de preto de 100 fotografías de carácter histórico, da correspondencia política de José Villaverde con líderes sindicais Galegos e estatais e de parte da súa biblioteca. Así mesmo, procedeuse á recuperación e posta a disposición pública dos xornais Solidaridad Obrera, Solidaridad, La Calle e Brazo y Cerebro a través da páxina web do grupo de investigación
Solidaridad Obrera e Solidaridad foron os voceiros, en diferentes anos, da Confederación Regional Galaica-CNT, editados na Coruña entre 1930 e 1936 –o primeiro deles até 1934 e o segundo de 1935 a 1936. O caso de La Calle é aínda máis significativo xa que esta é a única colección coñecida deste xornal sindicalista, editado nos primeiros meses de 1936 tamén na cidade herculina.
José Villaverde Velo nacera en Santiago de Compostela a comezos do século XX. En 1931 foi elixido secretario da Confederación Regional Galaica da CNT trasladándose por este motivo á Coruña. Nesta cidade coñeceu a Palmira Otero, a súa derradeira muller filla do vello sindicalista Joaquín Otero. Villaverde tiña dúas fillas dun matrimonio anterior, Fraternidad e Nieves Libertad; xunto a Palmira foron pais de Mar y Luz e Olga. Tralo golpe de estado de xullo de 1936, Villaverde é detido e, tras rexeitar dirixir ao sindicalismo vertical, foi asasinado o 25 de setembro de 1936 no concello de Arteixo . Os “papeis” de José Villaverde así como parte da súa biblioteca persoal foron soterrados nunha maleta pola familia nun solar da fábrica de zapatos de Senra na que estaban confinados Joaquín Otero e os seus fillos Eugenio e Joaquín. Na década de 1940 rescatárona e gardárona en varios domicilios da familia até que nos anos setenta varios investigadores puideron consultar por vez primeira a documentación. Con este acto, a familia Villaverde Otero pecha un ciclo persoal. Esta documentación, dun valor histórico excepcional, é depositada na RAG e accesible a todo sos interesados na súa consulta e estudo.
Galerías de imaxes relacionadas