14.000 vítimas da represión franquista en Galicia poderán ser consultadas na rede, a través da páxina web do Proxecto "Nomes e Voces"

14.000 vítimas da represión franquista en Galicia poderán ser consultadas na rede, a través da páxina web do Proxecto "Nomes e Voces"

O Proxecto de Investigación Interuniversitario "Nomes e Voces" presentará publicamente a Base de Datos das vítimas da guerra civil e a represión franquista en Galicia, nun acto que se celebrará o día 29 de xullo de 2009 ás 12.00 h, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC na praza de Mazarelos en Santiago de Compostela.

Deste xeito, dáse a coñecer parte do traballo desenvolto polo equipo de investigación nos últimos anos referente ao estudo das vítimas da represión franquista entre 1936 e 1939. A base de datos que presentamos dista de ser definitiva, nin polo número, nin polo tempo que durou a represión da ditadura, nin polas formas que esta adquiriu pero todos os datos que presentamos están criticados, cruzados entre diferentes fontes e sometidos polo tanto a unha contrastación e validación que non sempre é doada. Expedientes dos procesos xudiciais (2.608-máis de 400.000 páxinas), rexistros civís dos concellos (310), fonte oral (100 entrevistas das 450 que posúen os fondos do proxecto, e o resto seguirán a incorporarse) e traballos publicados por diferentes autores nas últimas décadas (52).

Este traballo signifícase como unha das iniciativas de recuperación da memoria da represión e do franquismo máis completas no conxunto do Estado. Nos próximos anos, a equipa do Proxecto, dirixido polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e coordinado por Emilio Grandio (A Coruña), Mª Jesús Souto (Lugo), Julio Prada (Ourense), Dionisio Pereira (Pontevedra) e Xosé Manoel Núñez (Galicia Exterior) ampliará, nunha segunda fase de desenvolvemento da investigación a cronoloxía das súas pescudas abordando os primeiros anos da instauración da réxime franquista a partires de 1940.

O acto contará coa presenza do I.P. Lourenzo Fernández Prieto e o equipo A Navalla Suiza, responsable da nova ferramenta de consulta.

Gardado en Noticias 29 de xullo de 2009 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez