Publicación de "VERMELLAS: Chamábanlles “rojas”: borradas da historia"

Publicación de "VERMELLAS: Chamábanlles “rojas”: borradas da historia"

Ven de publicarse o catálogo de exposición Vermellas: Chamábanlles “rojas”: Borradas da historia, editado pola Universidade de Santiago de Compostela como colofón á mostra documental que baixo o mesmo título inaugurouse o pasado mes de marzo na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta mostra, auspiciada polo concello de Lugo e a Vicerreitoría de Cultura da USC, estivo dedicada ás mulleres que sufriron a represión franquista tras o golpe de estado de 1936, polo tanto, as protagonistas desta publicación son as mulleres que por distintas condicións socio-culturais e políticas sufriron continuas humillacións e vexacións, en moitos casos pasando por penas de cárcere e noutros de forma dramática atopando a morte.

Na elaboración do volume participou o equipo de traballo formado polos profesores Claudio Rodriguez-Fer e Carmen Blanco xunto aos investigadores do Proxecto de Investigación dirixido por Lourenzo Fernández Prieto, “Nomes e Voces”: Andrés Domínguez Almansa, Gustavo Hervella García, Chus Martínez Domínguez e Antonio Somoza Cayado. Todos eles aportaron a súa experiencia entorno á cuestión da muller na represión; Rodriguez Fer e Blanco desde a escrita e o equipo “Nomes e Voces” desde a perspectiva histórica, tendo en conta que o estudo da muller no proceso represivo é unha das liñas principais das súas pescudas no marco do traballo de investigación que están a desenvolver ao redor da guerra civil e a represión franquista a partires de 1936.

O libro consta de catro capítulos: marco histórico, paneis, gravados de Sara Lamas e gráficas, que recollen o heteroxéneo contido da mostra. Por unha banda as imaxes e os documentos que foron presentados en sala mediante diferentes paneis temáticos que recolleron as historias vitais destas mulleres contextualizadas pola súa condición política, social e laboral. Así, intelectuais como Juana Capevielle, mestras como Concepción González Mosquera e María Vázquez Suárez, proletarias como Amalia Fraguela, Amelia Varela Bouza e Carmen Pesqueira Domínguez, campesiñas como Carolina Regueiras, exiliadas como Mercedes Núñez e Mercedes Pimentel ou guerrilleiras como Manuela Sánchez e María Blázquez entre outras moitas, conforman unha longa listaxe de vítimas femininas que directa ou colateralmente experimentaron a inxustiza e o terror da represión.

Parte da documentación foi proporcionada polos fondos de “Nomes e Voces”, que cedeu numeroso material gráfico e audiovisual, ademais de colaborar como asesor histórico do programa expositivo, facilitando datos relativos á represión exercida sobre a muller entre 1936 e 1939: tipoloxías e cuantificación da represión, a muller nas causas militares e o perfil social da muller represaliada. Toda esta información foi completada con gráficas e un mapa que ofrece os datos relativos á represión por concellos e con resultado de morte.

Ademais do apartado dedicado á fotografía, o catálogo enriquécese co apoio literario de textos de diversa índole. Por unha banda un ensaio histórico asinado polos investigadores do Proxecto “Nomes e Voces” baixo o titulo: “Da visualización social da muller á inmersión no terror: 1936. Golpe de Estado, vítimas e memoria”, que aborda o protagonismo da muller no contexto represivo e analiza pormenorizadamente o proceso represivo da muller e a transmisión do acontecido. Por outra parte inclúense fragmentos literarios de varios autores como Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco e María Lopo, así como citas textuais de represaliados e familiares de vítimas extraidas das cerca de cincocentas entrevistas que o Proxecto “Nomes e Voces” ten realizado.

Deste xeito, a poética e o documento histórico apóianse nunha soa filosofía: a de seguir investigando e afondando na realidade da muller durante o proceso represivo.

Gardado en Noticias 25 de setembro de 2009 | sen comentarios

Sen comentarios

 

Subscribirse ao blog por rss

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez