Xurxo Pantaleón Cadilla (A Guarda, 1966) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela desde 1989. Especialista en fontes orais, leva vinte anos traballando na conformación, mantemento e difusión do fondo de entrevistas orais de Galicia "Historga", actualmente dentro da Unidade de Patrimonio Documental e Oral Contemporáneo (UPDOC) do Departamento de Historia Contemporánea e América de la USC. Estivo integrado en múltiples proxectos de investigación competitivos financiados en convocatorias públicas, e ten publicado distintos traballos de investigación, entre os que destacan "A vivencia dos galegos en América", en Galicia e América. Cinco Séculos de Historia, Santiago, 1992, (xunto con Marcelino Fernández), "A Guarda", en M. Wouters (ed.), 1936: os primeiros días, Vigo, 1993, "O fondo de fontes orais para a historia de Galicia (HISTORGA)" (con Pilar Cagiao Vila), Actas I, II e III Encontros o Son da Memoria, Santiago, 2004. Tamén participou en diversos congresos e encontros científicos, nos que presentou o fondo de fontes orais “Historga”, e do Proxecto de Investigación Interuniversitario "As vítimas, os nomes e as voces" entre os que destacan os obradoiros "Proyectos de investigación sobre recogida de testimonios orales de represión y violencia política en España", "Metodología en la recogida de testimonios orales" e "Cuestionarios" na Universidad de Oviedo en 2007; "Imagen, memoria e historia: el Proyecto Nomes e Voces" nas xornadas "Archivo y memoria" do CSISC en 2008, Seminario Conservando la Memoria. Las fuentes orales en la historia reciente de El Salvador en 2009 e o Informe de resultados. Vítimas Galicia (1936-1939), Santiago de Compostela, 2010. Actualmente é investigador do Proxecto de Investigación Interuniversitario "Nomes e Voces".