A metodoloxía

O Proxecto de Investigación tamén busca establecer a centralidade desta parte do pasado recente na investigación histórica e, xa que logo, na mesma actualidade en termos científicos sociais, historiográficos e mesmo comunicacionais, e quere facelo co adecuado fundamento.

A documentación e a interpretación forman parte dos presupostos de arranque do Proxecto. Loxicamente, as fases iniciais do proxecto só podían dedicarse á pescuda dos datos. A orientación desta pescuda debía ser –como así foi– a procura de gran número de materiais documentais para procesalos axeitadamente e dispoñelos para o acceso directo de investigadores e de público interesado. A posta en valor da documentación e das bases de datos asociadas ao Proxecto de Investigación responde á necesidade de que se lle poida extraer o máximo partido aos materiais e coñecementos acumulados aquí, para a súa posta en valor social, educativa ou/e cultural.

Un equipo de especialistas en historia contemporánea coordinou e coordina un amplo traballo de pescuda que se centra en tres liñas de actuación: a constitución dun fondo de gravacións sobre a memoria oral da guerra, a elaboración dunha relación nominal dos represaliados e a determinación dunha xeografía da represión.

Algunhas cifras

512 entrevistas

12.600 fragmentos de son con resumos de contido, etiquetas de busca e valeirado dos nomes das vítimas citadas nelas.

2.799 causas baleiradas (máis de 400.000 páxinas)

3.470 entradas de rexistro de defuncións, percorrendo os rexistros civís de toda Galicia e concellos limítrofes de Zamora.

9.600 entradas bibliográficas, só nunha escolma da bibliografía existente sobre o tema.

22.340 items de imaxes recollidas fundamentalmente provintes de patrimonios das familias das vítimas

17.774 rexistros persoais. 15.000 rexistros persoais validados.

Seguindo estas pautas, o proxecto de investigación realizou traballos relativos á fonte oral, fonte escrita, recollida documental escrita e gráfica, e atendeu, na medida do posible, as demandas que, desde a sociedade galega, se formularon. Con todo este material procedeuse ao deseño de diferentes bases de datos para ordenar os testemuños orais, o material fotográfico e documental e o baleirado das fontes escritas. Para a realización disto, atendeuse o interese da investigación: pescudar os nomes, as voces e os lugares da represión. Co traballo sistemático coas bases de datos téntase dar unha visión o máis completa posible da Galicia que sufriu a guerra civil e o primeiro franquismo. Tamén se realizaron reunións por parte dos investigadores e os coordinadores provinciais, co intento de sistematizar o traballo ao máximo, así como xuntanzas periódicas onde se expuxeron os avances e atrancos no proceso de baleirado documental.

O coñecemento e a pescuda non han servir só no empirismo e na acumulación positiva de datos e informacións –imprescindibles como parte primordial do Proxecto de Investigación– senón tamén na análise e tratamento dos mesmos. Isto significa ademais a contribución ao debate científico a través das vías convencionais e das que poidan deseñarse: encontros, seminarios, publicacións de resultados en diferentes formatos, etc. O produto das investigacións é un recurso público de investigación e un instrumento ao servizo de familiares e interesados e, por suposto, da administración.

 
A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia