O 27 de abril, o Consello da Cultura Galega organizou o "V Encontro O Son da Memoria: As coleccións sonoras de Galicia ante o presente dixital", no Auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Un encontro de posuidores ou xestores de coleccións de gravacións sonoras que existen no país, entre as que se atopa o Proxecto 'Nomes e Voces', co fin de intercambiar información sobre as novas realidades e estudar as formas de coordinación posibles. Esta é a galería de imaxes do evento. Lourenzo Fernández Prieto participou na mesa redonda: "Os Arquivos nas Universidades Galegas", xunto con Francisco Fernández Rei (Instituto da Lingua Galega) e Camiño Noia (Universidade de Vigo).
O venres 13 de abril, o libro "A represión franquista na comarca da Coruña" do proxecto Nomes e Voces foi presentado na cidade de A Coruña. No acto participaron Emilio Grandío, Coordinador do Proxecto 'Nomes e Voces'; Xurxo Pantaleón, Investigador do Proxecto 'Nomes e Voces' e Manuel Monge, ex Presidente da Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña. A obra recolle as semblanzas de 600 persoas asasinadas, así como numerosas fotografías e material gráfico recollido polo Proxecto "Nomes e Voces" durante o seu traballo de investigación. Esta é a galería de imaxes do acto.
Lourenzo Fernández Prieto, Dionisio Pereira e Chus Martínez Domínguez presentaron a semana pasada no Museo MARCO de Vigo, o monográfico de nomesevoces.net: "Xeografía da represión en Galicia". O acto estivo organizado pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 e o Proxecto 'Nomes e Voces'. Este esecial sobre a Xeografía da represión en Galicia foi elaborado polo Investigador e Coordinador do Proxecto ‘Nomes e Voces’, Dionisio Pereira, e desenvólvese no marco do Convenio de Colaboración co Ministerio de Xustiza do Goberno de España.
Estas son as imaxes das xornadas do Coloquio Internacional Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz. Diferentes profesionais do ámbito da investigación, xurídico e asocietario participaron en diferentes mesas de encontro, con especialistas no estudo histórico e xurídico dos procesos de paz e reconciliación. Xunto ás vítimas de procesos represivos, analizaron en perspectiva as diferentes experiencias no referente á superación de conflitos bélicos e ditaduras, incidindo nas políticas transicionais levadas a cabo desde os diferentes gobernos.