Solidaridad

Listaxe de números dispoñibles

Os semanarios Solidaridad Obrera / Solidaridad

Entre os obxectivos do Proxecto de Investigación Interuniversitario “Nomes e voces” está o de recuperar e ofertar á cidadanía os materiais históricos que sexan de utilidade para o estudo da historia de Galicia. Entre eles, un dos fondos máis destacados é o da familia Villaverde Otero relativo ao anarcosindicalismo no noso país, e dentro del a reprodución dixital dos periódicos Solidaridad Obrera e Solidaridad, voceiros, en diferentes anos, da Confederación Regional Galaica-CNT, editados na Coruña entre 1930 e 1936 –o primeiro deles até 1934 e o segundo de 1935 a 1936-.

Con anterioridade, a cabeceira Solidaridad Obrera aparecera por vez primeira en 1911, como quincenario voceiro da frustrada Federación Sindical “Solidaridad Obrera”, primeira tentativa dos libertarios galegos para artellar unha organización obreira de ámbito galaico, federada na CNT. Logo desta “Soli” pioneira, a cabeceira reapareceu outra volta en Vigo en dúas etapas, 1920 e 1922, como expresión escrita da progresiva implantación do anarcosindicalismo na beiramar da provincia de Pontevedra. Foi nese derradeiro ano, cando a “Soli” viguesa deixou paso á primeira etapa da “Solidaridad Obrera” como voceiro dunha recén constituída CRG, cuxo secretariado, domicilio da redacción do periódico e imprenta, estarán radicados na Coruña ate que a Ditadura obrigou a transladar toda a estrutura a Compostela, cidade na que se editou o periódico entre 1925 e 1927, data na que foi suspendido. A “Soli” reapareceu na Coruña como periódico emblema da CRG-CNT no ano 1930, poucos meses antes da proclamación da República en cuxo primeiro bienio viviu a súa mellor etapa cunha tiraxe de 8.000 exemplares, agora como semanario de grande prestixio non só entre as capas operarias e librepensadoras do país, máis tamén nos medios libertarios do resto do Estado español. Nesta terceira etapa como voceiro da CRG, foi dirixida dende 1930 a 1933 polo anarcosindicalista compostelán José Villaverde Velo, que vai ser substituído nese último ano polo anarquista muradán Claro José Sendón. Entre os seus colaboradores atopamos a Gastón Leval, Ángel Pestaña, Isaac Puente, Pierre Besnard, Rudolf Rocker ou Joan Peiró, entre outros. En xuño de 1935 o periódico volverá ás rúas coruñesas cun novo título Solidaridad, pero sempre como voceiro da CRG. Neste derradeiro tempo republicano, será dirixido inicialmente polo militante do “Sindicato de Cerveceros y Gaseoseros” da CNT coruñesa José Prego, para ser substituído contra finais dese ano polo camareiro catalán afincado na Coruña, Jaime Baella. Por aqueles días, nos meses da Fronte Popular, chegou a tirar 7.000 exemplares semanais. Entre os colaboradores desta última xeira, están Rudolf Rocker, Diego Abad de Santillán e Jacinto Toryho; entre os galegos podemos destacar a Claro Sendón, a Jacinto Méndez e aos militantes agrarios Emilio Novás ou Vicente Díaz Veiga, entre outros. Tralo golpe de estado franquista, a “Soli” será prohibida como todas as publicacións da esquerda obreira e a “Tipografía Obrera Coruñesa”, lugar onde se editaba propiedade dos sindicatos confederais herculinos dende o ano 1911, incautada polas novas autoridades. Aínda así, quer na clandestinidade coruñesa nos días de ferro do ano 1947, quer no exilio francés de Toulouse entre 1948 e 1950, continuaronse a imprentar senllos voceiros de CRG que recuperaron outra volta o rótulo de “Solidaridad Obrera/Solidaridad, ata que a noite de pedra do franquismo asulagou todo movemento de rebeldía.

A prensa libertaria galega en xeral -e a que aquí presentamos non é unha excepción- ten uns sinais de identidade comúns a editada en España e Europa: seriedade, dureza, economía de medios, combate, divulgación científica e cultural e predominio da ideoloxía por riba da información.

En palabras do historiador e coordinador de “Nomes e Voces” Dionisio Pereira: “Pero no debemos esquecer que nas páxinas da “Soli” [....] están recollidas as loitas, a teima asociativa, as reflexións,.. de boa parte da militancia obreira daquel tempo; está presente, en suma, un xeito peculiar de enfocar a confrontación de clases, nun espazo social ben diferente ao retratado nos congresos anarquistas ou da CNT. Por iso, un quixera que se mirase esta prensa con ollos propios, desde aquí, para recuperar un pasado rebelde que tamén é noso e que, se cadra, aínda aniña en nós”.

O que ofertamos desde o Proxecto á sociedade é a colección máis completa de Solidarid Obrera – 178 números dos que faltan os exemplares correspondentes ao 2, 28 e 176- e de Solidaridad – 56 números e un especial-.

Os directores da publicación

Na terceira etapa de Solidaridad Obrera como voceiro da CNT galaica, o seu director entre novembro de 1930 a febreiro de 1933 foi José Villaverde Velo, intre no que o periódico converteuse nunha ferramenta axeitada para o importante desenvolvemento da CRG nesta primeira época da República. Pepe Villaverde nacera en Compostela en 1894, carpinteiro e anarquista temperán, xa con 21 anos presidiu a “Sociedad de Carpinteros y Ebanistas” da súa cidade natal. Logo, entre 1918 e 1930 residiu en Vigo onde estivo moi vencellado a Ricardo Mella, prestando a súa colaboración para a fundación do Ateneo Sindicalista e o desenvolvemento da sociedade de resistencia de carpinteiros de ribeira, integrada na UGT, central sindical á que pertenceu un tempo por razóns de oficio, distinguíndose pola súa defensa da fusión coa CNT. Na cidade olívica dirixira así mesmo o quincenario ¡Despertad!, coincidindo no grupo libertario Solidaridad con Ángel Pestaña e Joan Peiró, representantes dun anarcosindicalismo moderado e contrario ao control da CNT pola FAI. Coa reorganización da CRG trala ditadura de Primo de Rivera, no ano 1930 foi elixido director de Solidaridad Obrera, polo que se traslada á Coruña. Pouco despois do 14 de abril de 1931, Villaverde ocupará a secretaría da CRG e dende alí defendeu a presenza confederal no mundo mariñeiro e labrego. Durante o seu mandato, a CRG pasou de 13.000 a 33.000 afiliados e afiliadas. Neste primeiro bienio republicano, Villaverde participou en todos os grandes conflitos do momento acontecidos no país, recibindo críticas pola súa oposición a intensificar as loitas se prexudicaban ao réxime republicano, unha etapa política que consideraba necesaria para construír a capacidade revolucionaria da CNT. En febreiro de 1933, diante dos ataques procedentes dos sectores máis extremistas abandona todos os seus cargos nun Pleno celebrado en Compostela. Sempre foi partidario das Alianzas Obreiras coa UGT e simpatizante do Partido Sindicalista no que Pestaña sempre tivo a intención de integralo sen conseguilo. Foi detido a comezos de agosto de 1936 no seu posto de traballo na estación do camiño de ferro Coruña-Santiago, encadeado e asasinado mes e medio despois, tras rexeitar a proposta de liderar os novos sindicatos falanxistas.

Tras Villaverde, en 1933 recolle a dirección do semanario Claro José Sendón, nacido en Louro (Muros) en 1899. A figura volandeira de Sendón descubrira nos anos vinte as loitas sindicais na emigración americana, primeiramente en Bos Aires, onde traballara no porto e logo en Nova York, exercendo de camareiro e de mariñeiro. A súa relación cos medios escritos libertarios ven desta etapa neoiorquina, cando colaboraba na redacción do periódico anarquista en lingua española Cultura Proletaria. A fins de 1932 regresa a Galicia e en 1933 foi nomeado director de Solidaridad Obrera tralo devandito comicio de Compostela dese mesmo ano. Malia non figurar na FAI, pertencía á corrente máis combativa do sindicato e en plena confrontación da CNT contra o Goberno republicano no verán de 1933, é chamado para se incorporar á redación do xornal CNT, editado en Madrid. Trala revolución de Asturias regresa á Coruña para axudar á reorganización da CRG desde o seu comité. En 1935 exerceu como mestre dos fillos dos mineiros de San Fins –Lousame- e colaborou na creación da Federación Comarcal de Noia a carón do metalúrxico Enrique Fernández. A guerra civil sorpréndeo en Huelva desde onde pasa a Valencia; alí formará parte do Comité Nacional da CNT, responsabilizado da Sección de Prensa e Propaganda, polo que colaborou en numerosos periódicos confederais, entre eles o voceiro da Regional Levantina, Fragua Social. Trasladado a USA nunha misión de propaganda a prol da República, falece de tuberculose andando 1937.

Os primeiros números de Solidaridad serán dirixidos por José Prego Veira, anarcosindicalista nacido na Coruña en 1907. Foi un dos defensores das posicións máis moderadas dentro da CNT, simpatizando co Partido Sindicalista pero sen militar. Pertenceu  ao comité da CRG en 1934 e 1935. Coa guerra civil fuxiu a Asturias onde forma parte da directiva da Agrupación Confederal Galaica integrada maiormente por cadros da CRG evadidos; derrubada a fronte do Norte, foi dos poucos que puido pasar a Barcelona no outono de 1937. Alí, na Cidade Condal levará durante un tempo a administración da revista Umbral. Tras a caída de Cataluña foi internado nun campo de concentración no sur de Francia, para sair meses despois rumbo a México, país no que seguirá a participar nos órganos da CRG no exilio e onde morrerá nos anos setenta do século pasado.

Os derradeiros números de Solidaridad están dirixidos por Jaime Baella Pérez, cenetista nacido en Barcelona en 1892. Tras un período de emigrante en Cuba, chegou á Coruña en 1934. Camareiro de profesión, participou na directiva sindical do seu oficio e xogou un destacado papel na reorganización da CRG tras a desfeita de Outubro de 1934, integrado no comité da CRG até 1935. Oposto ás correntes máis pragmáticas do sindicato, mentres foi o director de Solidaridad o semanario reflectiu a súa posición contraria ás Alianzas Obreiras. Tras o golpe militar de xullo de 1936, tentou participar na reorganización clandestina do anarcosindicalismo coruñés dende o seu agocho, até que foi descuberto no verán de 1937; xulgado en Consello de Guerra, foi fusilado en marzo de 1938.

Sobrevivir á Ditadura. Os testamenteiros da “Soli”

A familia de José Villaverde, nomeadamente a súa muller Palmira Otero máis as súas fillas Nieves Libertad, Fraternidad, Mar y Luz e Olga, o seu sogro o vello anarquista Joaquín Otero e os fillos deste, Joaquín e Eugenio así mesmo militantes confederais, conservaron o legado das dúas ponlas libertarias que atoparon acomodo naquel fogar, ao longo da ditadura franquista e tamén con posterioridade á Transición democrática. O fondo fotográfico e documental que a familia aportou ao Proxecto de Investigación é moi destacado. Nel figura unha coleción de fotografías onde se reflicten as imaxes de líderes obreiros da Galicia do momento, unha colección epistolar do propio Villaverde e a colección máis completa existente do xornal Solidarid Obrera/Solidaridad.

Tras a detención de Villaverde e por temor ás represalias, a súa familia decide agachar a coleción de xornais e algúns libros da súa biblioteca persoal nunha maleta, que será soterrada por Joaquín e os seus fillos no solar da que foi a fábrica de calzados de Ángel Senra, na que eles traballaran ata finalizar a contenda civil, moi perto da actual estación de ferrocarril da Coruña. Tempo despois, xa rematada a guerra, a maleta será recuperada de novo e agochada desta volta na casa de Joaquín no barrio de Eirís. Andando o tempo, pasou a Palmira, que a gardou sen informar a ninguén no almacén de froitas que rexentaba na praza de abastos municipal de San Agostiño. Nos últimos anos da Ditadura, as fillas de José Villaverde recuperan a coleción de xornais, restáurana e gárdana, de novo, na casa familiar. Consérvase, deste xeito, un dos legados documentais mías destacados da historia do movemento obreiro galego, de alto valor histórico e sentimental, ao que só contados investigadores tiveron acceso. No ano 2006, o Proxecto de Investigación “Nomes e Voces” procede á súa dixitalización completa e pona ao servizo do público a través da web www.nomesevoces.net.

A importancia da publicación para a historia do país.

A prensa, como transmisora de ideas e vertebradora de sensibilidades é un dos elementos destacados para o estudo dos movementos sociais e, deles, do movemento obreiro de xeito especial. O papel impreso, nun momento en que os medios de comunicación eran escasos, foi o método máis axeitado para espallar as ideas, convocar ás loitas e manifestar sentimentos dentro da particular cultura proletaria. De aí que poñer a disposición dos estudosos con vontade de servizo público, un periódico como Solidaridad Obrera/Solidaridad, sexa unha obriga fundamental para o Proxecto e, ao tempo, unha vantaxe para a realización de estudos históricos, políticos e sociais para todos os interesados no tema que nos ocupa.

A “Soli”, nunha primeira lectura semella ter un carácter local en clave galaica moi evidente, con informacións dos sucesos da Coruña ou como moito de Galicia, sempre en referencia ás loitas obreiras e sindicais. Sen embargo, e tras unha breve ollada ás firmas que contén e ás informacións reflectidas, decatámonos que vai máis alá. Discursos dos principais líderes anarcosindicalistas do Estado español, artigos de senlleiros pensadores anarquistas como Ricardo Mella ou Enrico Malatesta, reflexións sobre a política republicana a nivel estatal, solidariedade con folgas que estaban a acontecer noutras latitudes e, evidentemente, a formación de agrupacións ao longo da xeografía galega, sen esquecer a problemática sindical no mar e no campo galego. A este respecto constitúe un catálogo esencial e de consulta obrigada á hora de establecer un mapa galego do movemento obreiro. E isto é así, como xa ten estudado Dionisio Pereira, polo peso que a “Federación Local Obrera” da Coruña tiña no resto do obreirismo galaico, sen esquecer o prestixio que a CRG vai acadar dentro do movemento libertario español durante a IIª República.

Outro factor que revela a importancia desta coleción, é o feito da fraxilidade das experiencias xornalísticas deste tipo. Seguindo datos ofrecidos por Dionisio Pereira, só un 35% das cabeceiras ácratas galegas superan o ano de existencia e só tres pasan dos cinco: El Corsario, La Voz del Obrero e, precisamente, Solidaridad Obrera/Solidaridad. De feito foi esta última o voceiro con maior repercusión social, debido á súa tiraxe nada desdeñable. Segundo Pereira, “A prensa ácrata naceu para a loita social e tiña como principais destinatarios as camadas populares máis explotadas, co cativo e depauperado proletario á cabeza”. Todo isto fai incrementar de xeito exponencial o valor histórico desta colección.

Por último, os números que aquí presentamos constitúen a máis importante coleción deste periódico que se conserva na actualidade, pois tan só o Instituto Internacional de Historia Social de Amsterdam conta entre os seus fondos unha pequena parte complementaria destas cabeceiras, que até este intre representaba o maior número de exemplares públicos de consulta.

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez