La Calle

Listaxe de números dispoñibles

Semanario La Calle

La Calle forma parte da colección documental que a familia Villaverde Otero cedeu ao Proxecto de Investigación Nomes e Voces para dixitalizar e que agora, por vez primeira, ve a luz a través da rede. La Calle. Semanario popular saíu á rúa por vez primeira o 2 de marzo de 1936 rematando a súa andaina o 13 de abril deste mesmo ano. Cada exemplar consta de seis páxinas a un prezo de 15 céntimos. Aberto a todas as tendencias de esquerda, tal como sinalan os historiadores Dionisio Pereira e Manuel González Probados, La Calle ten como característica “máis sobranceira a presenza nel de sinalados homes do partido sindicalista coruñés ou persoas achegadas ás súas filas”. Así, destacan as sinaturas de persoeiros ben coñecidos nos medios societarios herculinos, integrados na CNT pero críticos coa radicalidade e autosuficiencia do seu discurso e da súa práctica sindical: eis, por exemplo, José Villaverde –que asinaba como Juan José-, Víctor Cremer Alonso, Carlos Pereira –Karper-, Manuel Fernández ou Gonzalo Pantín.

Aínda que próximo ao partido liderado por Ángel Pestaña, o voceiro dirixíuse a todas a correntes da esquerda local tal e como se manifesta nos primeiros números, onde se sinala que a principal finalidade é a procura da xustiza “que es por entero de todos y tiene que estar por encima de las miserias de partido o secta para que ella sea la base incomovible  del régimen futuro” (nº 2, 9 de marzo de 1936). Conforme estas premisas, transitaron polas súas páxinas republicanos e galeguistas de grande prestixio como o Dr. Hervada, o profesor Plácido R. Castro ou o antigo anarquista e, xa naquel tempo, alicerce do movemento veciñal coruñés, Manuel Martínez Pérez.

Respecto dos temas tratados nas súas páxinas, cabe salientar os referidos á Coruña: cuestións municipais, traballo, actividades políticas, deporte ou problemática dos barrios. Aínda que se tratou dun semanario de carácter obreirista, apréciase nel unha temática máis ampla e interdisciplinar enfocada ao conxunto da cidadanía, procurando que os seus posibles lectores non fosen tan só traballadores afiliados aos diferentes sindicatos. Deste xeito, o periódico tivo en conta asemade a amplas capas da sociedade herculina, o que o converte nun frustrado ensaio de xornal “moderno” de información, no sentido que estaban a marcar outras importantes cabeceiras da prensa galega como El Pueblo Gallego, La Voz de Galicia ou, con anterioridade, o Galicia, pero concibido dende uns inequívocos referentes esquerdistas.

Estes exemplares, únicos existentes, chegaron a nós grazas ao interese de José Villaverde Velo que gardou cada un deles e, de xeito especial, ao seu sogro Joaquín Otero e aos seus cuñados Joaquín e Eugenio Otero de Ois, que agocharon este valioso legado cultural da violencia e da destrución á que estaban abocados tralo golpe de estado de xullo de 1936. Esta e outra documentación procedente do Fondo Villaverde Otero, está dixitalizada polo Proxecto Nomes e Voces e a disposición de todos os interesados na web do grupo de investigación. Os orixinais, están depositados desde o 28 de xuño de 2011 no arquivo da Real Academia Galega.  

 (Texto realizado a partires de: Pereira, D. / González, M.: “Informe sobor da prensa obreira en Galiza: 1930-1936”, Cuadernos de Estudios Gallegos, T. 33, fasc. 98 (1982), p. 373-408)

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez