O extraordinario esforzo persoal realizado polas mulleres máis
conscientes durante a II República, moitas delas afiliadas a asociacións
progresistas, partidos de esquerda ou sindicatos de clase, foi paralelo
aos avances sociais que potenciaron a súa presenza na vida pública e a
afirmación do dereito ao traballo fóra do fogar, así como a ampliación
da súa liberdade e dos seus dereitos de cidadanía.
Dende case que o mesmo intre no que o golpe de Estado fracasa
e transmuta en guerra civil, en toda a xeografía da España rebelde imponse o
tiro na caluga e as execucións carentes de calquera formalismo baixo a espúrea
legalidade dos Bandos de Guerra, ou as propiciadas polos Tribunais Militares
que puñan o mundo do revés, acusando de rebeldes aos defensores do réxime
lexitimado o 14 de abril de 1931.
Especial dedicado ao estudo dos procesos de investigación, vixilancia e control social en Galicia durante os anos da guerra civil, as consecuencias que este feito tivo para a poboación nese preciso momento histórico e as influencias que posteriormente se aprecian entre a cidadanía no intre en que a intensidade desta vixilancia foi menor.