Xeografía da represión en Galicia (1936-1939)

Lugares de morte

Segundo as cifras subministradas polo Proxecto “Nomes e Voces”, máis de 4.000 persoas foron asasinados en Galicia tras o golpe militar no intervalo de tempo comprendido entre 1936 e 1939; delas, tan só a terceira parte faleceu nos fusilamentos sentenciados polos Tribunais Militares, ou nas execucións derivadas da aplicación “in situ” do Bando de Guerra argallado polos facciosos.

No ámbito espacial, esta represión amparada na xustiza militar dos vencedores focalízase máis que nada nas urbes onde funcionaron os devanditos Tribunais (Ferrol, A Coruña, Santiago, Vigo, Lugo, Ourense; Celanova, Camposancos, Tui...) e só de maneira excepcional nun pequeno número de vilas; canto á veciñanza afectada, esta se concentra en dous grandes eixos, o de Coruña-Ferrol e o de Tui-Vigo-Pontevedra, e en menor medida no norte da provincia coruñesa e nas bisbarras colindantes ás cidades de Lugo, Ourense e Santiago.

Outras categorías de morte poderían ser, ademais dos desaparecidos e desaparecidas “sensu stricto”, a mortalidade inducida polas noxentas condicións das cadeas e campos de concentración, as vítimas dos malos tratos producidos nos centros de detención, ou os falecidos nas confrontacións armadas en resposta do alzamento militar que tiveron lugar en distintas zonas da xeografía galaica ata o 30 de xullo de 1936; a máis importante delas é, en calquera caso, a denominada represión “paralegal” representada maiormente polas vítimas dos denominados “paseos”, das "sacas" efectuadas nos centros de reclusión, da frecuente aplicación da sanguinaria “lei de fugas”, ou das sistemáticas operacións de castigo desenvolvidas contra os “escapados” nos montes e as persoas ás que non lles quedou outra que se agachar.

E cada unha destas lamentables categorías, incorporan de seu unha particular xeografía da represión diferenciada e definida por uns específicos lugares de morte que deixan albiscar, quer os protagonistas senlleiros das matanzas (militares, garda civil, Falange, gardas cívicas, funcionarios de prisións,...), quer os medios ao seu alcance, a súa sombriza metodoloxía e, ao cabo, os seus obxectivos.  

Ponte Barqueiro, A Coruña

Ponte Barqueiro, A Coruña

Monte Forriolo, Ourense

Monte Forriolo, Ourense

Praia de Fontes, Vigo

Praia de Fontes, Vigo

Os cadros 1, 2, e 3, permiten obter unha radiografía dabondo aproximada do que foi a dinámica xeográfica da represión paralegal en Galicia no eido municipal.

O primeiro deles amosa que, cando menos, no 68,57% dos concellos galegos houbo veciños que foron asasinados deste xeito e que, como mínimo, no 70,79% dos concellos apareceu unha vítima desta modalidade represiva. Sumados os datos dos concellos nos que houbo veciñanza afectada e/ou apareceron execucións paralegais, a porcentaxe vaise nada menos que ao 80,32%, o que pon de manifesto tanto a intensidade espacial da desfeita, como o efecto multiplicador do terror sobre unha xeografía de poboamento disperso como a de Galicia.

O cadro nº 2, pon en relación a veciñanza dos asasinados paralegalmente co seu lugar de execución a nivel municipal. A gradación é do 0% cando ningún dos veciños masacrados aparece nos lindes do concello onde habitaban; <50% se aparecen máis cadáveres de veciños noutros términos municipais que no da súa residencia; 50% se ambos casos están equilibrados; >50% se aparecen máis dentro que fora e 100% se todos os corpos aparecen dentro do seu municipio de residencia. Como se pode observar, a porcentaxe de municipios cun número de veciños e veciñas asasinados lonxe do concello onde estaban censados maior que o de executados dentro dos seus límites, elevase ao 56,48% fronte tan só un 31,49% de casos nos que ocorre o contrario e a un 10,19% no que o número de veciños dun municipio asasinados dentro e fora dos seus lindes administrativos é o mesmo.

O cadro nº 3 completa o anterior no senso de permitir diferenciar entre concellos “importadores”, ao recibir máis mortos doutros concellos que os que envían, e concellos “exportadores” de vítimas, nos que acontece o contrario. Esta relación é, respectivamente, dun 51,38% e un 32,81%, fronte un 10,28% de municipios nos que coincide o número dos seus veciños que son executados dentro e fora do seu territorio e un cativo 5,53% de supostos nos que non existe “importación” nin “exportación” de vítimas. Neste aspecto, a sensación de dispersión dos asasinatos e do translado das vítimas fora do seu entorno vital, reforzase.

Cadro 1: A represión paralegal por municipios

Número concellos%
Con veciños asasinados paralegalmente21668,57%
Con lugares de morte vencellados á represión paralegal22370,79%
Rexistrada a represión paralegal (veciños/as asasinados/as + lugares de morte)25380,32%
Nº Concellos de Galicia315100%

Cadro 2: Relación entre veciñanza dos executados paralegalmente e o lugar de aparición dos cadáveres

Número concellos%
0%7836,11%
<50%4420,37%
50%2210,19%
+50%2913,43%
100%3918,06%
Descoñecido41,85%

Cadro 3: concellos "importadores" e "exportadores" de vítimas da represión paralegal

Número concellos%
"Importadores"13051,38%
"Exportadores"8332,81%
Vítimas "importadas" coincide co de "exportadas"2610,28%
Non existe "importación" nin "exportación"145,53%
Total253100%

En canto aos itinerarios da represión paralegal e ás distintas tipoloxías dos lugares,  podemos comentar:

Son moi poucos, case que excepcionais, os traslados fora das provincias de procedencia dos asasinados, a non ser en concellos fronteirizos e colindantes; un caso fora do común é o Concello de Aranga (A Coruña), onde apareceron mortos de distintos municipios moi distantes da provincia de Lugo. Non obstante, dentro dunha mesma provincia pódense dar traxectos relativamente distantes como sucede, por exemplo, na de Ourense.

Resulta evidente a concentración de lugares de morte nas principais vías de comunicación-escape que saen das capitais de provincia. Un bo exemplo, é a estrada que une Vigo e Pontevedra ao longo de 30 kms. e que rexistra un mínimo de 30 persoas asasinadas nas gabias duns lugares de morte que, como o Alto da Encarnación ou a curva da C uncheira, chegaron ata hoxe marcados a ferro no imaxinario colectivo.

Algo semellante tivo lugar nun feixe de estradas secundarias, pero moi utilizadas no servizo ás vilas e cabeceiras de bisbarra: eis, por exemplo, o vial entre O Porriño e Tui, pois cando menos 20 cadáveres apareceron nas gabias do lugar de As Gándaras de Budiño.

É salientar o crecido número de execucións levadas a cabo nas pontes (O Barqueiro, Castrelo, Bibei, A Castellana, Arandos, Ponte do Barco, Ponte da Rocha…), nos outeiros, ou en certas curvas das estradas, dándose o caso de que algunhas delas quedaron fixadas na xeografía do terror interiorizada con posterioridade pola xente das contornas: a curva de Canabal na estrada Coruña-Santiago; a Revolta Grande de Albarellos e a Curva da Esfarrapa-Atás na estrada Ourense-Madrid; a Volta dos Nove na estrada Pontevedra-Camposancos; a Curva Grande do Rodicio na estrada Ourense-Ponferrada; a curva da Reborica na estrada Coruña-Madrid; a devandita curva da Cuncheira…

Como elemento diferencial verbo doutros lugares do Estado español, son relevantes os fondeos no mar, practicados máis que nada nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, aínda que tamén se rexistra algunha morte no mar nas rías do norte: temos documentado case que 40 episodios desta caste, moitos deles coa conseguinte desaparición dos corpos. Tamén aparecen vítimas por asolagamento nos ríos, caso do Miño, do Mandeo, do Louro, do Sil, do Mero ou do Casaio, amais doutros regueiros de menor relevo.

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez