Xeografía da represión en Galicia (1936-1939)

Enterramentos

No meses posteriores ao golpe, os cemiterios enchéronse e mesmo houbo que procurar distintas alternativas en zonas onde existiu unha grande concentración de penados, caso da Colonia Penal da Illa de San Simón. Alí, aos centenares de internos falecidos polas infrahumanas condicións de reclusión, os malos tratos ou nas tristemente célebres “raposas” (mortes “accidentais” producidas nos translados de presos), dificilmente se lles puido acomodar na alborada dos anos 40 nos  principais recintos funerarios máis cercanos: no de Cesantes, onde o fedor escorrentaba á veciñanza,  no cemiterio redondelán de Os Eidos, ou no vigués de Pereiró.

Illa de San Simón, Pontevedra

Illa de San Simón, Pontevedra

Memorial de Mos, Pontevedra

Memorial de Mos, Pontevedra

Fosa do Curro

Fosa do Curro

Tamén comezou a medrar a sospeita da existencia de fosas, nas que as vítimas eran inhumadas logo de pasar por calquera centro de detención oficial u oficioso. Nalgunhas, como a do cemiterio de San Salvador de Oviedo ou a do devandito cemiterio de Pereiró, a cidadanía executada tras sentenza de Consello de Guerra mesturase cos asasinados de xeito indiscriminado, certificando a existencia dun único proceso represivo global por riba das formas concretas de execución. Situada lonxe da fronte de guerra, en Galicia non existen esas grandes fosas comúns representadas pola sobredita de Oviedo, onde están amoreadas máis de 1.700 persoas. Prefírese, na maioría das ocasións, executar nalgures un número reducido de vítimas, abandonar os seus cadáveres e deixar que outros despois se encarguen de dispor o seu traslado ao cemiterio da parroquia veciña, para que sexan inhumados fora dos seus recintos, ou no seu interior, dependendo da decisión do representante da igrexa. A dispersión e a densidade das entidades de poboación, características propias da xeografía galaica, propiciaban, ademais, estes enterramentos dentro ou nas inmediacións dos cemiterios.

 As cifras son reveladoras: no conxunto do noso territorio, só coñecemos a existencia de 26 fosas en campo aberto (algunhas delas ocupando o mesmo espazo, a rentes unhas das outras) nas que serían inhumadas en torno a 84 persoas e das que foron recuperadas 32; a maiores, 11 desas fosas están situadas na contorna dos respectivos cemiterios parroquiais. En xeral, a media de inhumacións achegase ás 4 persoas soterradas en cada fosa. Houbo, non obstante, unha excepción relevante representada pola fosa escavada á beira do cemiterio de Mos (Pontevedra) –hoxe desaparecida debido a unhas obras-, onde os asasinatos e os correspondentes enterramentos de 22 persoas vanse producir en distintas datas do período 1936-39; no resto das fosas situadas fora do recinto dos cemiterios, os enterramentos sempre foron debidos a un só acto criminal.

Como conclusión, podemos afirmar que en Galicia son excepcionais as fosas en campo aberto, foron utilizadas na súa práctica totalidade nunha única ocasión e con poucas inhumacións: a comparación coa bisbarra do Arlanza (Lerma, Burgos), onde se escavaron e exhumaron pola ARMH no ano 2007 dúas fosas nas que apareceron 86 persoas -máis que en toda Galicia-, ou cos moitos centos de represaliados guindados nos Pozos de Caudé (Teruel) durante os primeiros meses da contenda, é expresiva.

Fosa do Amenal, A Coruña

Fosa do Amenal, A Coruña

Monasterio de Oia, Pontevedra

Monasterio de Oia, Pontevedra

Cemiterio de San Francisco, Ourense

Cemiterio de San Francisco, Ourense

Polo contrario, o número de enterramentos de represaliados e represaliadas en cemiterios é moi numeroso e diseminado en case que todo o territorio galego, agás zonas do interior das catro provincias e a chamada Costa da Morte. Así, as máis de 3.200 vítimas con lugar de enterramento coñecido no territorio galego e no período considerado, están espalladas en 447 cemiterios, dos que tan só 35 teñen 10 ou máis persoas asasinadas e depositadas dentro dos seus contornos: o desaparecido cemiterio ferrolán de Canido con 353 inhumacións, o de Pereiró con 343 e o coruñés de Santo Amaro con 255, son os máis ateigados entre os das cidades, destacando as 116 persoas soterradas no de Tui, as 57 en Sestás-A Guarda e as 43 do vello cemiterio redondelán de Os Eidos, no que respecta ás vilas. Cabe apuntar, asemade, que un total de 25 camposantos (aos citados con anterioridade, habería que engadir, por exemplo, os de Puxeiros-Lavadores ou os de Serantes e O Val, na bisbarra ferrolá) foron tamén lugares de morte, nos que se levaron a cabo represalias mortais.

Por último, en Galicia tamén se interveu e, no seu caso, se exhumou por parte de particulares e diversas asociacións (a ARMH, maiormente) nalgunhas fosas no interior dos cemiterios; 18 concretamente, segundo os nosos datos, recuperándose 32 corpos. Entre elas, cabe citar a fosa do cemiterio de Mondariz, na que estaban soterradas 4 persoas asasinadas polos franquistas, cuxos restos foron exhumados e transladados ao Valle de los Caídos en 1959, sendo o único caso en Galicia. Outras están aínda en fase de investigación, caso da emprazada na parroquial de Santa María de Lagostelle (Guitiriz) ou a da situada no cemiterio de Vilarraso (Aranga), presuntamente a maior de Galicia, pois alí están documentados 35 corpos de cidadáns masacrados procedentes de distintas localidades das provincias de Lugo e A Coruña.

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez