Xeografía da represión en Galicia (1936-1939)

Conclusións

Non resulta doado explicar os porqués do “modus operandi” descrito; as razóns polas que un detido era sacado da prisión e asasinado, as veces a un centenar de kilómetros do centro de detención ou reclusión, cando de xeito aparente, dende unha estricta lóxica de optimización de recursos, o máis natural sería converter calquera monte veciño nunha inmensa fosa común; qué impulsos guiaban aos vitimarios para realizar unha “raposa” de varios presos e abandonar os corpos da metade nun lugar e continuar a viaxe kilómetros e kilómetros ata outra paraxe onde consumar a execución dos restantes.    Hai historiadores que atribuen en exclusiva esa tendencia aos translados que documentaban os Cadros 2 e 3, a unha tentativa de asegurar no posible o anonimato dos verdugos; de agachar as pegadas do seu crime. Esta é unha tese que resulta dabondo insuficinte á hora de explicar tan macabra dispersión. Non figurou entre as prioridades de primeira hora dos facciosos, esborranchar de maneira compulsiva todo vestixio da súa barbarie. A necesidade de estender o terror até o derradeiro recuncho do territorio galaico, maximizando ao tempo a dor e a impotencia dos achegados e correlixionarios das vítimas, co obxectivo de paralizar calquera manifestación de disidencia e acadar a colaboración por activa ou por pasiva da poboación co novo rexime en todas as ordes, semellan ter sido moito máis determinantes á hora de optar por esta sinistra metodoloxía.   

Tampouco parece que a norma en Galicia fose, como tamén se afirmou, acreditar un desmedido empeño en agachar os cadáveres en lugares pouco concorridos; máis ben aconteceu xusto todo o contrario. Como quedou dito, na maioría dos casos atopanse en puntos estratéxicos das principais vías de comunicación; perto de pontes sinaladas, nesas curvas co nome e apelidos que todo o mundo coñece, nas voltas dos camiños máis transitados para que todos os que cruzaban tomaran conta, de súpeto, por sorpresa, de que a vinganza no tiña límites nin fronteiras; mesmo, decote, cando se guindaban ao mar ou a un río, as augas remataban por devolver á superficie aqueles corpos desfeitos polas balas, os peixes e o paso dos días, co que o impacto sicolóxico en quen os encontraba, os vía ou recibía a noticia, era aínda maior.  

Por que, se non, esa prohibición taxativa, constatada en numerosos casos, de que os labregos que topaban cos cadáveres lles deran sepultura de inmediato? Cómo explicar esas situacións nas que se ordenaba que os corpos permanecesen horas —ás veces un ou dous días— expostos ata que o comandante do posto da Garda Civil ou o xuíz municipal autorizase o seu levantamento, para logo ser soterrados no cemiterio máis próximo, ou nun buraco aberto no mesmo sitio no que aqueles coitados atoparon a morte?.        

Estender o carácter exemplificador da violencia desatada e, de paso, castigar aínda máis aos achegados das vítimas, pois aqueles que se atrevían víanse obrigados a percorrer os camiños tras as pegadas dos seus parentes, por lugares onde eran pouco coñecidos e decote recibidos con medo ou reserva; a formar lúgubres procesións na procura dos seus corpos unha vez que eran informados na cadea de que os seus homes, fillos ou irmáns “xa non precisarían a comida que lles levaban”; a ter que afacerse a que os restos daqueles non poderían repousar cos dos seus devanceiros na parroquia onde residían..... Ademáis, moitos nunca se atoparían, prolongando a dor infinita de quen tan sequera podería ter o conforto de saber onde descansaban os seus seres queridos. .      

Sementar o pánico na sociedade e no círculo máis íntimo do asasinado, do preso, do fuxido. De iso se trataba.....                                                                                                                     

Volta dos Nove, Baiona

Volta dos Nove, Baiona

Revolta de Albarellos, Monterrei

Revolta de Albarellos, Monterrei

Cemiterio Civil de Coruña

Cemiterio Civil de Coruña

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez