Aínda que foron moitas as mulleres asasinadas en Galicia durante a guerra civil e a posguerra, moi poucas foron fusiladas tras ser xulgadas en consello de guerra, pois as restantes pereceron abatidas sen ningunha clase de xuízo, xeralmente tras ser secuestradas e paseadas. Polo demais, os xuízos militares foron farsas sen ningún tipo de garantía procesual.
Consuelo Alonso González, chamada A Comunista, humildísima vendedora de xornais en Monforte de Lemos, casada e con catro fillos, foi detida e rapada en 1936 polas súas ideas esquerdistas, pero logo foi encarcerada, procesada e finalmente fusilada en Lugo o 13 de maio de 1938.
Chámase Consuelo,
ninguén a consola
e chámanlle A Comunista.
Con insidia xúlgana
polo que din que dixo
e seguen chamándolle A Comunista.
Condenárona soa,
fusilárona soa,
enterrárona soa,
esquecérona soa...
E aínda lle chaman A Comunista!
A comunista mugardesa Amada García Rodríguez foi encarcerada durante o seu embarazo e fusilada aos vintesete anos con outros compañeiros na prisión militar de Ferrol o 27 de xaneiro de 1938, tras despedirse do seu pai, do seu marido e do seu fillo acabado de nacer, que puideron sentir a descarga da súa execución na embarcación que os trasladaba a terra dende o Castelo de San Felipe.
Pecharon a amada Amada
de costas á libre ría.
Baluartes de hornabeque
aprisionaron a cría.
Escoitaron os disparos
os tres que tanto a querían.
Filliño, marido e pai
no barco que a despedía.
Mataron a filla de un
e a nai do que entón nacía.
Mataron a compañeira
de nome Amada García.
Foi vítima da vinganza
de quen para si a quería.
O prezo da súa beleza
encheu de sal a baía.
Ata o polbo de Mugardos
ergue os seus brazos na ría.
Para todos será praza
da vila mortal un día.
Loitou por social xustiza
co puño que o pobre erguía.
Cría na fraternidade
e na igualdade ela cría.
Lembramos os compañeiros
que con ela alí morrían.
Mataron a amada Amada,
mais vive Amada García.