Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Proletarias do campo

Proletarias e labregas con vivenda no campo acolleron nas súas humildes casas fuxidos e por toda Galicia houbo represalias tan horribles como a padecida por Pilar Fernández Seijas, traballadora metalúrxica na empresa Vasco-Galaica de arame, que tiña ocultos tres camaradas nunha casopa en Cea de Vilagarcía de Arousa, onde foi queimada en febreiro de 1937 con todos os agachados dentro. 

Pilar Fernández Seijas, metalúrxica,
arameira na Empresa Vasco-Galaica
e queimada con tres máis cal brasa viva
nunha cabana con terra por parede
e teito de xesta enramallada en Cea,
e ámote anarquista e arde Arousa.

Josefa Barreiro González, de Trabanca, en Badiña (Carril), tiña dous fillos e limpaba casas. Agachou un anarquista na súa morada e foi apresada, torturada e asasinada en marzo de 1937. 

Josefa Barreiro de Trabanca, nai humilde, 
limpaba casas, laboraba a humilde terra nai
en Badiña de Carril, agachaba un anarquista
na súa mínima moradiña inmensa
como campo abertal, e foi martirizada,
e ámote anarquista e a túa orfa estirpe.

María Becerra Laíño tiña agachado na súa casa de Marselle un anarquista do Sindicato Mineiro de Lousame, polo que foi asasinada o 24 de febreiro de 1938. 

María Becerra Laíño, estaño solidario,
agachou na súa vivenda de Marselle
un mineiro anarquista de Lousame
e foi asasinada como a luz do carburo,
testemuña da roubacha e do volframio,
e ámote anarquista mineral en bruto.

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez