Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Proletarias da costa

As mulleres proletarias afiliadas a sindicatos de clase, sobre todo aos da industria pesqueira de CNT, opuxéronse ao golpe militar con manifestacións na rúa e logo participaron na reorganización obreira na clandestinidade. Algunhas foron abatidas en enfrontamentos nas rúas e en asaltos a domicilios, outras foron paseadas en lugares apartados. Moitas máis foron encarceradas e sometidas a torturas. Entre as vítimas predominaron as proletarias dos portos, empacadoras, atadoras e pescantinas, pero tamén houbo metalúrxicas, panadeiras, costureiras, etc. Tras a guerra civil, as mulleres proletarias galegas tardarían décadas en volver ter a presenza cualitativa e cuantitativa que alcanzaran durante a II República nos sindicatos de clase. 

Boa parte das proletarias abatidas foron baleadas na Coruña, como María Bello Paz e Teresa Varela Calviño, cenetistas do sindicato de industria pesqueira que pereceron a tiros nos enfrontamentos de 1936.

Non puido ter esperanza sen medo
nin medo sen esperanza María Bello Paz,
empacando peixe no porto da Coruña
ata a hora en que os poderes de xullo
bateron resistencias de mulleres
como pescadas que lesen a Spinoza
onde eu ámote anarquista ou morte.

Así quizais pensaba Teresa Varela Calviño,
sindicando xoubas no porto da Coruña
ata ser baleada polo chumbo de outubro,
a revolución na patela e a patela na cabeza
e o peixe despezado, destripado e empacado
polas mans nunca inertes da proletaria morta,
pois nos foxos comunais eu anarquista ámote.

Noutras zonas costeiras con implantación da CNT na industria conserveira foron tamén moi castigadas as líderes proletarias, como foi o caso de Dolores Blanco Montes no Morrazo, secuestrada e ferida nun paseo, e finalmente, tras vagar por Mogor e outros lugares, encarcerada en Pontevedra e Saturrarán. A súa familia foi severamente represaliada.

Dolores Blanco Montes, mal paseada,
a voz das conserveiras e atadoras do Morrazo,
vindicadora de Aldán, de Cangas e de Hío,
ferida no suplicio e fuxida polos montes
cun fillo asasinado, outro no exilio,
e ámote no cárcere onde anarquista sofres.

Porque non nos deixan cruzar polas estradas
cruzaremos en Mogor os labirintos.

Outro caso é o de Carmen Pesqueira Domínguez, chamada A Capirota, lavandeira que traballaba no Polígono Naval de Marín.

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez