Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Proletarias da cidade

Moitas mulleres proletarias serviron de enlaces na reorganización da resistencia obreira, sobre todo da FAI e da CNT, e nos intentos de fuxida por mar dos antifascistas agachados, como foi o caso da frustrada operación do Portiño na Coruña. Ademais, a miúdo ocultaron nas súas casas persoas perseguidas. Un bo número delas pagou coa vida este solidario labor de axuda e acollida, ao seren delatadas ou descubertas e asasinadas nos asaltos ás súas vivendas. Outras moitas foron maltratadas e encarceradas.

Caso particularmente tráxico foi o das matanzas do barrio obreiro das Atochas na Coruña o 10 de xullo de 1937, tras o asalto ás casas de María Otero González, viúva dun executado, e de Alicia Dorado, panadeira que acollía no faiado que habitaba aos anarquistas Acebedo e Fournarakis, e no que pereceron estas dúas mulleres. No ataque tamén resultaron mortos outros agochados, feridos nenos veciños e detido un líder da FAI.

Lares de María Otero e de Alicia Dorado,
refuxios coruñeses das Atochas,
Atocha Alta, Atocha Baixa, Monte Alto,
atochas nas alpargatas abatidas a balazos.

Morada de María de Allariz, Atocha Alta,
trinta e tres anos e morta con tres máis,
sen contar nenos feridos no masacre,
cantando a Internacional a berro aberto
como quen entra no inferno proclamando
utopías contra a angustia do fascismo.
Porque as crónicas non foron escritas
con tinta, senón co fío das costureiras
e a verdade na punta dunha agulla. 
Alí foi a última vez que se viviu a vida 
iluminando a loita con tanta liberdade, 
pois ámote e anarquista, última luz e ponte.

Faiado de Alicia en Villa Rosalía,
Rúa do Carme e vinte e cinco anos,
preguntou quizais Fournarakis a Acebedo,
pouco antes de morrer os dous a tiros:
- Sabes que o nome da túa compañeira
significa a verdade en lingua grega?
- O nome da compañeira significa a verdade
en todos os idiomas do mundo, contestou.
- Pois a verdade vai morrer axiña,
terzou Alicia, e os tres máis outro
feneceron cribados ante a última verdade, 
e ámote alí anarquista iluminando os libres.

Mais foron moitas as proletarias relacionadas con vítimas anarquistas apresadas a raíz das redadas de 1937 na Coruña: María Seijas Sánchez, Marina Rey Sánchez, Pilar Suárez Marantes, Josefa Calvo Cortés, Aurora Miguélez Pena, Consuelo Meitín Rodríguez, Teresa Lamas Conchado, Paca de San Amaro... Algunhas destas mulleres solidarias procedían de ámbitos tan depauperados como o da prostitución: este é o caso de Alejandra, da rúa Cartuchos, e da peixeira Basilisa Álvarez González, chamada A Corales, que tivera que exercer a prostitución para sobrevivir sendo nova. Dalgunhas das humildes mulleres que acolleron fuxitivos sábese moi pouco. Tal é o caso de Erundina Álvarez Pérez, fusilada en Ourense o 28 de setembro de 1936, acusada de agochar un fuxido na súa casa. 

Non podemos contentarnos
con que só quede dun ser
un nome na estatística.

E menos polo feito de ter sido
muller, humilde e solidaria. 

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez