Vermellas. Chamábanlles "rojas"

O terror en carro de vacas

A disposición dos corpos sen vida á vista pública en estradas, camiños e encrucilladas e a exhibición das vítimas antes de ser asasinadas proban que había un interese por parte dos asasinos en aterrorizar exemplarmente a poboación, que de súpeto se atopaba con tan macabros sinistros e que a miúdo se encargaba de trasladar e enterrar os cadáveres. As mulleres comprometidas non foron unha excepción a estas regras. 

Así, a comunista Anunciación Casado Atanes, de San Mamede de Viana, foi torturada e exhibida nun carro de bois polo contorno da Gudiña antes de ser asasinada o 21 de agosto de 1936.

As tamén comunistas María del Valle Lozano e Salud Torres Díaz, secuestradas en Celanova, onde estaban presas, e asasinadas no contorno de Mosteiro de Ribeira (Xinzo de Limia), o 29 de outubro de 1937, tiveron que ser trasladadas ao cemiterio polos propios veciños nun carro de vacas. 

ata a Lomba de Lamas,
onde os doces prados do outono
son lameiros de regos transparentes
fluíndo baixo a última sombra da noite
espida polas pastoras das brañas
e polas aves canoras na albada,
ata alí mesmo,
tras subir lentamente polo Monte Furriolo,
chegou o terror en carro de vacas

non se pecharon máis
os ollos das nenas pobres do campo
nin deixaron de ver nunca
o sangue do chedeiro
escorrendo polo cabezallo,
pingando polo eixo,
revirando na roda
flamexante e vermella
como un sol tristemente caído
sobre a lama da lomba

o carro secular e inmóbil,
o alarido interminable
da cantadeira sobre o eixo,
o arrepío dos estadullos en punta
como se os fungueiros saísen espetados
polas furas das feridas das mulleres mortas,
eran a expresión do medo

pero non doeron máis a María de Beiro 
os balazos que coseron o seu corpo 
que os que descoseran antes
a seu fillo Manuel,
que os que descoserán máis tarde
a seu fillo Ricardo non magoaron máis a Salud
as balas que acabaron coa súa vida
que as que remataran coa xustiza, 
pois a esperanza tiña entón a parálise
dun carro de bois detido sobre o barro
por desfeita cerebral no outono

elas eran o leite nutricio
e as mazás da vida
no tempo do leite ardendo gasolina
e da mazá con hemorraxia interna

ninguén puido comprendelo
na Lomba de Lamas

fusilaran o leite branco,
fusilaran a mazá vermella,
e o terror viña en carro de vacas
aforcando a dignidade co xugo

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez