Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Nais, viúvas e orfas

Mención especial merece o sufrimento que houberon de soportar as miles de vítimas femininas colaterais, é dicir, as nais, as viúvas e as orfas dos asasinados. Marcadas socialmente polo seu parentesco e a miúdo arruinadas economicamente pola incautación de bens e a falta do sostén da familia, tiveron que padecer en silencio as súas traxedias, ás veces en completa soidade. Non é de estrañar que moitas delas toleasen de dor, como Antonia Pardo Méndez, viúva do artista Camilo Díaz Baliño e nai do polifacético Isaac Díaz Pardo.

Perderon ata a razón,
o único que lles quedaba.

Pero non perderon o amor
que quixeron quitarlles.

Afrontar a dor sen dó foi o destino das viúvas de asasinados, como a muller do alcalde de Ferrol Xaime Quintanilla, Ánxela Ulla Franqueira; a do xornalista Roberto Blanco Torres, Xulia Sánchez Nóvoa; a do doutor Rafael de Vega Barrera, Teresa Fernández Crespo; a do practicante Perfecto Abelairas, mestra coñecida como Sara A Picarreta; a do proletario Francisco Ballón Pequeño, Sebastiana Vitales Gascón. Emblema desa lealdade inextinguible é a fotografía de Cinta Rey, que quixo ser retratada por Amalia Álvarez Gallego (viúva de Alexandre Bóveda), ante unha árbore da fraga da Caeira (Poio), onde fora fusilado o seu fillo Víctor Casas o 12 de novembro de 1936. 

Entre a árbore da vida
e a árbore da morte
só a muller reenxendra
o desenxendrado polos homes.

Estivo na orixe
dando a vida.
Acompaña ata a fin
na dor
e aínda despois
da dor,
como absorbéndoa.
Está sempre
onde estivo,
acariñando.

A nai é o contrario do fascismo.

Ademais, algunhas delas foron convertidas en reféns, pois lles impedíaselles saír de España para neutralizar os seus seres queridos no exilio. Tal foi o caso de Esther Casares Quiroga e a súa filla Esther Varela Casares, retidas durante dezanove anos só polo feito de seren filla e neta do dirixente republicano Santiago Casares Quiroga, e aprisionadas en Galicia para chantaxear os que as amaban. 

Humilla a humillación a quen humilla.

A pillaxe, a rapina, a incautación
de todo non son máis
que libros de cinza
nas poutas postizas dos saqueadores.

Tiñan en contra o seu contorno.
Elas só posuían a desposesión.
Pero queríanse ata abismos
inasequibles aos impostores.
Porque só se ama
dende o desprendemento.
Triste é ser mesquiño na vinganza.

Roubaron os bens
pero non o ben.
Borraron e queimaron
os símbolos tanxibles.
Mais a refén foi bandeira
de dignidade invicta
en propia praza.

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez