Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Mestras

Castelao inmortalizou no debuxo dun mestre asasinado que choran uns nenos, "A derradeira lección do mestre", pois os mestres, que representaban a cultura e o progreso, foron vítimas frecuentes do fascismo, que vía na extensión educativa da II República unha ameaza para o seu elitismo. Mais cómpre non esquecer que igual destino padeceron tamén algunhas mestras, co agravante de sufrir antes da morte a violencia machista dos verdugos. 

Por exemplo, María Vázquez Suárez, mestra socialista en Miño, foi torturada e asasinada na praia de Barallobre (Miño) o 19 de agosto de 1936, acusada entre outras cousas de postular a escola laica e o amor libre, así como de enterrar a súa nai sen rito católico.

As nenas da escola de Monelos

As nenas da escola de Monelos

A mestra socialista Mercedes Romero Abella, natural de Cee e criada en Corcubión, casou co sindicalista Francisco Mazariegos, con quen tivo dous fillos. Exercía a docencia na Escola de Nenas de Monelos (A Coruña). Tras ser fusilado o seu marido en 1936, foi secuestrada na Coruña e asasinada e arrebolada ao río Mandeo na Ponte da Castellana no outono do mesmo ano. Está enterrada en Vilarraso, nas terras de Aranga.


A derradeira lección da mestra
foi alongarse da preposición propia
indo contra corrente cara á suma.

A derradeira lección da mestra
foi debuxar con xiz sobre o verbo
as ondas orixinais de Corcubión.

A derradeira lección da mestra
foi a primeira clase obreira
na súa escola laica de Monelos.

A derradeira lección da mestra
foi amar no prisma da Coruña
e concibir planetas e cadernos.

A derradeira lección da mestra
foi metrallada nas terras de Aranga
escritas no monte polo río Mandeo.

A derradeira lección da mestra
foi enterrada ao raso en Vilarraso
como toda a inocencia da lousa.

Ela daba leccións de humanidade.
E nunca esqueceremos consonantes
a derradeira lección da nosa mestra.

Moitas outras mestras foron depuradas do seu posto de traballo, e algunhas mesmo padeceron prisión, como Isabel Ríos Lazcano, de Curtis, esposa do doutor Manuel Calvelo, fusilado, e a quen se lle conmutou a pena de morte no último momento; Josefa García Segret, de Santiago de Compostela, esposa do mestre de Tomiño Hipólito Gallego Camarero, paseado, e que salvou a vida por finxir un embarazo; Elvira Bao Maceiras, da Coruña, ou Enriqueta Otero Blanco, de Castroverde (Lugo). A depuración alcanzou a familias enteiras de mestras, como a composta polas irmás Ernestina, Esperanza, Araceli e Dolores Otero Sestelo e a filla da primeira, Elena Pereiro Otero, de Redondela. 

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez