Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Intelectuais

O temor e o odio á muller intelectual, capaz de utilizar a súa intelixencia contra o fascismo, materializouse no asasinato de Juana Capdevielle San Martín, licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Madrid e activa bibliotecaria e arquiveira na Facultade de Filosofía e Letras e no Ateneo madrileños. En 1934, presentou un congreso de pedagoxía sexual o avanzado relatorio "El problema del amor en el ambiente universitario", onde defendeu a paridade amorosa e a co-responsabilidade procreativa fronte ás hipocrisías burguesas, e en 1935 realizou nun congreso da súa especialidade unha proposta sobre "Bibliotecas de hospital", pois pensaba que poderían cumprir unha función terapéutica e cultural. 

Esposa do gobernador civil republicano da Coruña, Francisco Pérez Carballo, con quen colaborou estreitamente, foi encarcerada e secuestrada, tras ser fusilado o seu marido, para ser finalmente asasinada e enterrada en Rábade (Lugo) o 18 de agosto de 1936. Ela, preñada e con vinte e nove anos, e o seu esposo, con vinte e cinco, simbolizaban o cambio protagonizado pola xuventude progresista que durante a II República traballou coa ilusión de modernizar a sociedade baixo os principios da xustiza e a liberdade, brutalmente erradicados polo levantamento franquista. 

Dispararon á cabeza de mapoula
mais medraron libres as silveiras
e nunca desfaleceron as ideas.

Dispararon ao corazón de rosa, 
mais volveron voar as bolboretas
e nunca feneceron os amores. 

Matárona co prexuízo sen xuízo,
como quen queima xestas florecidas,
e por iso é patrimonio da xustiza.

Chamábase Juana Capdevielle
como podía chamarse a vida mesma:
morreu, como viviu, de amor e liberdade.

En Rábade deixounos un caravel
para reinventar o amar, un xirasol
co que pacer a paz e unha violeta
para fabricar futuros máis muller. 

Juana Capdevielle na Coruña co seu marido Francisco Pérez Carballo, o alcalde Suárez Ferrín e o gobernador Caridad PIta, todos asasinados. Fondo Suárez Ferrín, Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces

Tumba de Juana Capdevielle en Rábade

Tumba de Juana Capdevielle en Rábade

Edificio Xoana Capdevielle no Campus Universitario da Coruña

Edificio Xoana Capdevielle no Campus Universitario da Coruña

O amor é indestrutible

Juana, fuches o máis fermoso da miña vida. Onde estea e mentres poida pensar, pensarei en ti. Será como se estivésemos xuntos. Deixáchesme dito na noite do vinte e catro de xullo de 1936 antes de que te matasen. Paco, fuches o máis fermoso da miña vida. Onde estea e mentres poida pensar, pensarei en ti. Será como se estivésemos xuntos. Dígoche na noite do dezaoito de agosto de 1936 antes de que me maten. E penso: quitaranme vida, mais non me quitarán o amor porque o amor é indestrutible. 

Despedida de Francisco Pérez Carballo, antes de ser fusilado. 

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez