Vermellas. Chamábanlles "rojas"

Información e créditos

O 6 de marzo de 2009  inaugurabas a exposición Vermellas. Chamábanlles “rojas” na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo. A mostra, organizada pola Vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, está dedicada ás mulleres que foron represalidas en Galicia tralo golpe de estado de 1936. A mostra permaneceu aberta ao público até o 6 de maio de 2009. 

A exposición foi organizada e financiada por Lugo Cultural. Lugo Cultural é un convenio entre Concello de Lugo, Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Xunta de Galicia, Fundación Caixa Galicia e USC xestionado pola Vicerreitoría de Cultura.

A represión e as súas diferentes tipoloxías foron expostas a través das súas protagonistas, mulleres que por distintas condicións socio-culturais e políticas sufriron continuas humillacións e vexacións, perdendo a seres queridos, en moitos casos pasando por penas de cárcere e noutros de forma dramática atopando a morte.

O Proxecto expositivo conta con documentación literaria autoría de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco, ademais de fotografías e material audiovisual procedente do Proxecto de Investigación Interuniversitario “Nomes e voces” dirixido polo catedrático en Historia Contemporánea na USC Lourenzo Fernandez Prieto e financiado pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, que se encargou do asesoramento histórico do mesmo, aportando diferentes gráficas e un mapa no que poder pescudar a represión exercida ás mulleres durante a represión franquista. Así mesmo, o Proxecto proporcionou unha listaxe de nomes das vítimas da bisbarra de Lugo procedentes dos resultados da investigación que o equipo leva desenvolvendo desde o 2006. 

Ademais da mostra en sala, o programa “Vermellas” contou con diferentes encontros relacionados coa temática da represión, celebrando diferentes conferencias nas que participaron a profesora de Historia Contemporánea e coordinadora do Proxecto de Investigación “Nomes e Voces” Chus Souto, a profesora de literatura galega Carmen Blanco e os investigadores Antonio Somoza Cayado e Gustavo Hervella García, que presentaron os datos da represión en Galicia, atendendo de xeito especial á represión de xénero tralo Golpe de Estado. Outro acto foi o recitado e presentación do poemario “Ámote vermella” de Claudio Rodríguez Fer.

A responsabilidade do proxecto expositivo recae nos grupos de traballo formados por: Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Andrés Domínguez Almansa, Gustavo Hervella García, Chus Martínez Domínguez, Antonio Somoza Cayado e o Proxecto de Investigación Interuniversitario "Nomes e Voces" e o equipo da Vicerreitoría de Cultura.

Así mesmo, músicos novos galegos colaboraron coas súas interpretacións na gravación dun CD dedicado ás vítimas da represión franquista: Grex, Snail, Isla Bikini, Iván e Josito.

Os gravados de Sara Lamas proceden do libro de Claudio Rodríguez Fer Ámote vermella, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2009, ISBN: 978-84-9782-953-3.

A navalla suíza
Responsable
Universidade de Santiago de Compostela
Colaboradores
Universidade de Vigo Universidade da Coruña Deputación de Lugo
Patrocina
Feder Xunta de Galicia
Deputacion da Coruña As Pontes de García Rodríguez